Adrián López Lodeiro, máis coñecido como Lode, é un cantante, compositor, bailarín e coreógrafo que conta con máis de un millón de seguidores nas súas redes sociais
Laura Moure/Silleda
A Festa da Empanada da Bandeira (Silleda) continúa a desvelar a nómina de Valedores e Valedoras da Empanada que recibirán o título honorífico o próximo 8 de abril, coincidindo co Día Mundial da Empanada. Á xornalista Ana Pardo de Vera, a chef Lucía Freitas e a presentadora María Lama súmase agora Lode, un artista galego que triunfa nas redes sociais coas súas dúas paixóns: a música e o baile.

Adrián López Lodeiro naceu en Narón (A Coruña) no ano 1993 e dende moi cativo comezou a dar os seus primeiros pasos no mundo da danza formando parte dunha agrupación de baile tradicional galego. Será á idade de 12 anos cando comece a competir en Baile Deportivo chegando a obter múltiples títulos a nivel autonómico, nacional e internacional.
Aos 17 anos decide comezar a tocar a guitarra de forma autodidacta e é así como se inicia na música, facendo bolos acústicos por bares e locais da contorna. No ano 2017, abre a súa propia Academia de baile (All Dance Studio) e ademais cumpre o seu soño de participar no programa televisivo "La Voz", onde formou parte do equipo de Juanes. É a partir deste momento, cando se adentra de cheo no mundo da música, traballando na profesionalización de moitos dos seus temas que xa viron a luz nos últimos anos con gran éxito. Máis de 1 millón de persoas en TikTok e máis de 300.000 en Instagram gozan a diario da súa música e das súas coreografías.
Lode visitará o Auditorio Manuel Dopazo o sábado 8 de abril para recibir o título de Valedor da Empanada da Bandeira, adquirindo o compromiso de defender un dos pratos máis recoñecidos da gastronomía galega en xeral e a Festa da Empanada da Bandeira en particular, aló onde vaia. Cabe sinalar que na actualidade ostentan este cargo honorífico o xornalista Fernando Ónega ou o presidente da Xunta de Galicia Alfonso Rueda entre outras personalidades.
A Asociación Cultural Amigos da Empanada presentará nos vindeiros días a programación completa da súa I Gala da Empanada, que terá lugar na devandita xornada de Sábado Santo a partir das 19:30 horas.
NOTICIAS RELACIONADAS:
Lucía Freitas será Valedora desta festa: https://www.ecosdacomarca.com/post/o-bng-de-vila-de-cruces-cuestiona-a-xesti%C3%B3n-financieira-do-concello
María Lama será Valedora desta festa: https://www.ecosdacomarca.com/post/a-xornalista-mar%C3%ADa-lama-ser%C3%A1-nomeada-valedora-da-festa-da-empanada-da-bandeira
Ana Pardo de Vera será nomeada Valedora da Festa da Empanada da Bandeira: https://www.ecosdacomarca.com/post/a-xornalista-ana-pardo-de-vera-ser%C3%A1-nomeada-valedora-da-festa-da-empanada-da-bandeira
Σχόλια