top of page

A xornalista Ana Pardo de Vera será nomeada Valedora da Festa da Empanada da Bandeira

Recibirá o galardón o sábado 8 de abril na Gala da Empanada que terá lugar no Auditorio Manuel Dopazo desta localidade silledense


Laura Moure/Silleda

A Asociación Amigos da Empanada da Bandeira ven de anunciar que a xornalista e filóloga galega Ana Pardo de Vera será galardoada co título de Valedora da Empanada da Bandeira na I Gala da Empanada, que se celebrará o sábado 8 de abril coincidindo co Día Mundial da Empanada. O acto de nomeamento dará comezo ás 19:30 horas no Auditorio Manuel Dopazo da Bandeira, momento no que a coñecida periodista recibirá o Mandil dos Valedores e Valedoras así como a figura do Carballo.

Esta distinción honorífica é o máximo título que concede a Festa da Empanada da Bandeira a persoas de influencia no mundo da comunicación, gastronomía, ciencias, cultura, deporte... En homenaxe á súa brillante traxectoria, os Valedores e Valedoras da Empanada adquiren o compromiso formal de defender á empanada galega en xeral e a Festa da Empanada da Bandeira en particular, alá onde vaian, converténdose en embaixadores e embaixadoras dun dos produtos máis significativos e populares da gastronomía galega.


No ano 2022, foron premiados os xornalistas Pepe Domingo Castaño e Fernando Ónega pola súa gran implicación co evento gastronómico así como o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela, orixinario da vila da Bandeira. Agora será a quenda da chef cunha Estrela Michelín Lucía Freitas, pregoeira da Festa da Empanada 2022 e da presentadora de Kiss FM María Lama que acompañarán a Ana Pardo de Vera nesta data tan especial.


A súa carreira

Ana Pardo de Vera é unha xornalista e filóloga nacida en Lugo. Traballou en varios medios de comunicación como Sur de Málaga, La Voz de Galicia, Tiempo, Diario 16 ou Público, un dos xornais dixitais máis relevantes do noso país e do que actualmente é directora corporativa e de relacións institucionais tras participar na súa fundación e dirixilo durante anos. Ademais de colaborar con múltiples medios autonómicos e nacionais como Mediaset, RTVE, Catalunya Ràdio, TV3 ou ETB é autora da novela Chantaje a una jueza e do libro En la maleta de Zapatero así como coautora do ensaio La armadura del rey. A popular periodista galega presenta unha dilatada e experimentada carreira no mundo da comunicación pero tamén cabe destacar que foi asesora dos Ministerios de Defensa, Industria e Turismo e Vicepresidencia de Política Territorial durante o Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero.

O presidente da Asociación Amigos da Empanada da Bandeira, Andrés Seoane, reafirmou a importancia deste tipo de iniciativas que “ademais de premiar a persoas e traxectorias marabillosas poñen á Bandeira e á Festa da Empanada no centro do mapa, sendo para a nosa vila unha auténtica honra poder contar con embaixadoras da talla de Ana Pardo de Vera, María Lama ou Lucía Freitas”. A entidade sen ánimo de lucro anunciará nas vindeiras semanas máis sorpresas para a celebración do Día Mundial da Empanada e a súa esperada Gala da Empanada.


NOTICIAS RELACIONADAS:






0 comentarios
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page