top of page

Numerosas mostras de cariño tras o falecemento do integrante de Cantigas e Agarimos en Agolada

Ecos da Comarca/Xeral

Ao longo da xornada deste luns sucedéronse distintas mostras de cariño, dor e pesar polo falecemento do integrante do grupo Cantigas e Agarimos, de Santiago de Compostela, que perdeu a vida este domingo mentres actuaba no festival Corazón da Artesanía, en Agolada.

A tráxica nova causou unha fonda conmoción tanto no ámbito cultural como entre o público asistente ao evento, deixando consternadas a compañeiros, organización e veciñanza. Foron numerosas as mensaxes de condolencia e homenaxe chegadas ao longo do día desde diferentes colectivos, entidades e persoas vinculadas á música e á cultura tradicional galega, que quixeron amosar o seu apoio á familia, amizades e ao conxunto de Cantigas e Agarimos nestes momentos de enorme dor.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

O falecemento deste mozo de 41 anos produciuse na tarde do domingo, en pleno desenvolvemento da actuación do grupo no marco do Corazón da Artesanía, unha das citas culturais destacadas do verán en Agolada. A noticia deixou sen palabras aos presentes e tinguiu de tristura unha xornada que estaba chamada a ser de celebración da música e da tradición popular.


Cantigas e Agarimos é unha das formacións de referencia da cultura tradicional galega, polo que a perda dun dos seus integrantes provocou unha grande onda de solidariedade e afecto. Ao longo do día, as redes sociais enchéronse de mensaxes de despedida, recordos e palabras de recoñecemento á súa traxectoria e á súa implicación coa música popular galega.


Desde distintos ámbitos quixeron tamén trasladar o seu apoio ao resto dos membros da agrupación, así como á familia do falecido, nun momento especialmente duro para todos os que compartiron con el escenario, proxectos e vida.


Algunhas das condolencias:

Concello de Agolada: "O Concello de Agolada expresa o seu máis fondo pesar polo falecemento do membro da agrupación “Cantigas e Agarimos” durante a celebración da XIII edición do "Corazón da Artesanía". En nome da Corporación Municipal e de toda a veciñanza de Agolada, trasladamos a nosa máis sincera condolencia e todo o noso afecto á súa familia, amizades e persoas achegadas, así como aos seus compañeiros e compañeiras. Queremos tamén manifestar o noso agradecemento ó labor desenvolvido polos servizos de emerxencias e por todas as persoas que interviñeron no lugar.

Nestes momentos de profunda tristeza, o Concello de Agolada únese a dor da familia e de todas as persoas que compartiron con el a súa vida e o seu traballo, desexando que atopen consolo e forza para afrontar esta irreparable perda. Descanse en paz".

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago: "Que nova tan terríbel para rematar o día. Forte aperta a familia e amizades e, moi especialmente, a toda a xente de Cantigas que hoxe vive un día moi triste. Que mágoa máis inmensa. Que a terra lle sexa leve!"


Cantigas e Agarimos: "Hoxe non nos saen as palabras, só unha inmensa tristeza para despedir ó noso compañeiro Pablo. Gardaremos para sempre os case 20 anos de momentos compartidos, dentro e fóra do escenario. A túa amizade, o teu compromiso e o teu bailar forman parte da historia de Cantigas e da de toda a xente que te coñecemos.

Sentimos moi preto á túa familia e a todas as que nos apoiades co voso agarimo".


Fundación Pública Artesanía de Galicia: "A Fundación Pública Artesanía de Galicia, como entidade organizadora da feira Corazón da Artesanía, quere expresar a súa fonda tristeza polo falecemento dun membro de Cantigas e Agarimos, acontecido onte durante a actuación que estaba a ter lugar na Praza do Concello. Nestes momentos tan difíciles, queremos trasladar as nosas máis sinceras condolencias á súa familia, ás súas amizades, ás persoas achegadas e a o grupo de Cantigas e Agarimos, enviándolles toda a nosa forza e apoio ante esta irreparable perda".


Bico da Balouta: "Dende a asociación cultural Bico Da Balouta  queremos facer chegar o noso pesar á súa familia, ás súas amizades e a Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos polo pasamento de Pablo onte no evento Corazón da Artesanía, en Agolada.

Lamentamos a súa perda e traladamoslles as nosas condolencias a todos eles. Unha forte aperta para todos da nosa parte. Que a terra lle sexa leve... Descanse en Paz".

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

Herba Grileira: "Dende Herba Grileira queremos facer chegar unha aperta fonda á familia, ás amizades e a todas as persoas que formades Cantigas e Agarimos polo pasamento que hoxe entristece a vosa agrupación. Nun momento no que as palabras quedan pequenas, recibide o respecto, o cariño e o acompañamento de toda a nosa asociación. Que a terra lle sexa leve".


Cántigas e Frores: "O noso máis fondo pésame aos compañeiros e compañeiras de @cantigaseagarimos. Acompañámosvos neste momento de gran tristeza e enviamos todo o noso cariño e forza á súa familia, amizades, compañeiros e compañeiras. Descansa en paz, e que a nosa música e baile vaian sempre contigo".


ACF O Fiadeiro: "Como expresar con palabras tanta dor... Pablo deixounos onte, repentinamente, facendo o que tanta paixón espertaba na súa vida. Sentímonos moi preto da familia Cantigas e Agarimos, é coma parte da nosa. Por ese motivo unímonos ao loito por esta perda para a agrupación, para a súa familia, para os seus amigos, para todo aquel que tivo a oportunidade de compartir momentos con él. Pablo queda na memoria e no amor de todos eles, de todos nós. Por iso non marcha".


NOTICIA RELACIONADA:

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page