Mulleres Rurais Santa Isabel de Escuadro recibe unha axuda para mellorar a accesibilidade do centro social
- ecosdacomarca

- hace 6 minutos
- 2 Min. de lectura
Trátase dunha subvención da Deputación de Pontevedra no marco do Plan Provincia Comunitaria 2025
Laura Moure/Silleda
A Asociación de Mulleres Rurais Santa Isabel de Escuadro vén de ser beneficiaria dunha
subvención da Deputación de Pontevedra no marco do Plan Provincia Comunitaria
2025, destinada á realización de obras de mellora da accesibilidade no Centro Social de
Escuadro.
A actuación permitirá acometer a reforma do aseo do centro social, adaptándoo ás
condicións de accesibilidade actuais, así como a execución dun drenaxe exterior, co
obxectivo de mellorar as condicións de uso e conservación do edificio, un inmoble de
uso social construído en 1929 e que constitúe un espazo fundamental para a vida
comunitaria da parroquia.

O proxecto non supón alteración da configuración xeral nin do uso do edificio, pero si
unha mellora necesaria para garantir que o centro social poida ser utilizado en
condicións de comodidade, seguridade e accesibilidade por todas as persoas,
especialmente maiores ou con mobilidade reducida.
Dende a Asociación de Mulleres Rurais Santa Isabel de Escuadro valórase moi
positivamente esta axuda, xa que “o centro social é un punto de encontro esencial
para a veciñanza da parroquia, onde se desenvolven actividades sociais, culturais e
comunitarias ao longo de todo o ano”. As melloras previstas permitirán “seguir
dinamizando o centro e facelo máis inclusivo e funcional”.
Publicidade
O investimento total da actuación ascende a 7.813,42 euros, financiados ao abeiro
desta liña de axudas provinciais, e trátase dunha intervención sinxela pero moi
necesaria para prolongar a vida útil do edificio e reforzar o seu papel como espazo de
convivencia no rural.
Publicidade
A asociación agradece á Deputación de Pontevedra o apoio prestado a través do Plan
Provincia Comunitaria, así como a colaboración das entidades implicadas, que fan
posible seguir mellorando os espazos comunitarios das parroquias.








Comentarios