Agosto foi o mes con maior demanda deste servizo, no que se recollen de xeito gratuíto voluminosos, electrodomésticos e outros residuos para a súa correcta reciclaxe
Laura Moure/Silleda
O Punto Limpo de Silleda recibiu ao longo de todo o ano 2021 os depósitos dun total de 1.770 persoas que fixeron uso destas instalacións municipais para depositar correctamente distintos residuos. Estas cifras supoñen tamén un aumento progresivo que xa se ve reflexado nos últimos anos. Así, a evolución refléxas nos datos medios por mes e día, pasando das 120 visitas mensuais de media en 2017, a 132 en 2018; 144 en 2019 e agora nos 148, sen ter en conta o ano 2020, no que o servizo estivo pechado varios meses.
En canto ao balance de 2021, por meses, o de maior afluencia foi o de agosto, cun total de 206 persoas usuarias, seguido de xullo, con outras 200 e setembro, 188, seguindo a tónica doutros anos ao ter en conta que moitas persoas aproveitan as vacacións de verán para desfacerse, sobre todo de grandes voluminosos. Este tipo de residuos (mobles, colchóns…) son –de xeito maioritario- os que máis se depositan no punto limpo, seguidos de pequenos e grandes electrodomésticos e doutros materais de ferro, madeira, lámpadas….
No cómputo por meses das instalacións, abertas os mércores e sábados en horario de 9:00 a 14:00 horas, cómpre salientar que se superaron as 100 persoas usuarias en todos agás en xaneiro (45) e febreiro (33) xa que nestes meses a instalación estivo pechada cas retriccións por mor da pandemia a principios de 2021. En marzo rexistráronse 170 entradas, en abril 143, en maio 159, e en xuño 172. Ademais dos recórds dos meses de verán en outubro foron 177 as persoas usuarias que se achegaron ao punto limpo, en novembro o fixeron outras149 e en decembro 128.
O punto limpo de Silleda, situado no lugar de Vilanova –en Margaride- abriu as súas portas en xullo de 2007 como un servizo totalmente gratuíto para os veciños e veciñas. Entre os residuos que máis se depositan figuran grandes e pequenos electrodomésticos, aparellos electrónicos, televisores, ordenadores, xoguetes electrónicos, pilas, ou aceites usados.

No último ano tamén se estrenaron nestas dependencias as instalacións destinadas a almacenar aparellos eléctricos., no marco do investimento da Deputación de Pontevedra para participar no programa Estratexia Sostible Transfronteiriza para a xestión dos residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE).
Servizo de recollida a domicilio
Neste cómputo total figuran ademais os dépositos realizados a través do servizo de recollida de enseres a domicilio totalmente gratuíto para a veciñanza, a fin de facilitar a retirada de grandes enseres e voluminosos e o seu correcto tratamento, evitando tamén a proliferación de vertedoiros incontrolados.
Dende a Concellería de Medio Ambiente, que dirixe Pili Peón, destácase a posta en marcha do Servizo de Recollida a domicilio de Enseres, unha iniciativa que está a ter moi boa acollida dende que se retomou en marzo de 2019. O servizo, tamén gratuíto, conta cun día de recollida á semana. Os veciños e veciñas poden dun número de teléfono gratuíto para deixar os avisos, o 900 720190, que está operativo de luns a venres en horario de 9:30 a 13:30 horas. Cada semana realízanse as recollidas dos avisos que se reciban ata o día anterior.
Dende o Concello remitíronse folletos informativos a todos os domicilios do municipio para dar a coñecer o novo servizo. Así mesmo, dende o Concello de Silleda tamén se fai un chamamento á colaboración cidadá para o correcto funcionamento do servizo, incidindo en que só se poden depositar residuos voluminosos de carácter doméstico, para a súa posterior reciclaxe no punto limpo, e que deben depositarse na xornada anterior. Así incídese en que non se recollerán por exemplo neumáticos nin residuos da construcción nin outros de carácter perigoso que non se poidan reciclar no punto limpo.
Trátase dun servizo moi demandado pola veciñanza, que xa exisitiu no seu día, -aínda que con menor periodicidade- e que agora “podemos retormar en mellores condicións grazas en boa medida á situación das arcas municipais, que nos permiten poder ofrecer máis e mellores servizos públicos”, engade o alcalde, Manuel Cuiña.
Así mesmo, o rexedor sinala que este novo servizo supón “unha importante mellora e un paso máis na xestión de residuos no municipio de Silleda evitando a acumulación con esta recollida porta a porta”, engade. A xestión integral de residuos vén de licitarse por parte do Concello de Silleda incluíndo a xestión do Punto Limpo, que agora se atende con personal municipal e a recollida de enseres a domicilio.
O proceso está en fase de resolución, ca valoración das tres ofertas que se presentaron ao concurso.
Comentários