O mércores abrirase a inscrición da convocatoria dos cursos gratuítos de condución segura de motos
- Laura Moure

- hace 7 horas
- 2 Min. de lectura
Nesta primeira convocatoria do 2026 celebraranse 8 cursos, que se impartirán o 9 de maio en Compostela, o 16 de maio no Porriño, o 23 de maio en Silleda e o 31 de maio en San Cibrao das Viñas
Laura Moure/Xeral
A Xunta abrirá este mércores, día 8 de abril, o prazo de inscrición para participar nunha nova convocatoria dos cursos gratuítos de condución segura de motocicletas, cuxa nova quenda se celebrará no vindeiro mes de maio. Trátase da primeira convocatoria deste ano dos cursos gratuítos dirixidos a motoristas, que serán 8 cursos gratuítos de condución segura de motocicletas, cun total de 160 prazas dispoñibles. A Xunta impartiu no ano 2025 dúas quendas, cun total de 16 cursos, nos que xa foron formados máis de 300 motoristas.

Este cursos impulsados pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, están dirixidos a persoas maiores de 18 anos con permiso de condución de motocicletas (3 anos de experiencia no caso de permiso B), que desexen mellorar o control da motocicleta e conducir de forma máis segura.
A nova quenda destes cursos gratuítos da Xunta impartiranse en catro xornadas e dúas quendas diarias. Así, estas xornadas formativas distribuiranse en dous cursos por día, tendo cada un dos grupos un máximo de 20 alumnos.
PUBLICIDADE

As datas dos cursos, con horario de mañá ou de tarde, serán o 9 de maio en Santiago de Compostela, o 16 de maio no Porriño, o 23 de maio en Silleda e o 31 de maio en San Cibrao das Viñas.
A inscrición pode realizarse desde o mércores 8 de abril ás 9:00 horas. Toda a información e as ligazóns para a preinscrición están dispoñibles nas webs da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e a entidade colaboradora, Motovial: https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/seguridade-viaria/plan e https://www.motovial.gal/programa-conduccion-segura/
Os participantes deberán asistir coa moto en bo estado e coas condicións legais de uso. Os alumnos portarán casco homologado, luvas, botas e roupa de protección, así como a documentación relativa ao seguro obrigatorio do vehículo e á ITV en vigor.
A próxima convocatoria de cursos neste ano 2026 será para o mes de setembro, abríndose o prazo de inscrición no mes de agosto.
A formación
As xornadas formativas distribuiranse en dous cursos por día e localidade, un de mañá e outro de tarde, tendo cada un dos grupos un máximo de 20 alumnos. Trátase de cursos de formación cunha parte teórica e outra práctica, na que os participantes aprenderán a reaccionar ante situacións adversas, abordaranse temas relacionados coa normativa, con técnicas para mellorar as habilidades dos motoristas e a anticipación do risco e como reaccionar ante el.
Publicidade
Ademais, trataranse temas como o mantemento básico da motocicleta, a técnica e o control da freada, a xestión da traxectoria en curvas, as manobras evasivas e coa condución con pasaxeiro.
Con esta iniciativa, o departamento que dirixe María M. Allegue reafirma o seu compromiso coa seguridade viaria e a formación continua dos motoristas para reducir os riscos nas estradas galegas.







Comentarios