O senador e alcalde de Lalín alerta de que as comarcas son a “zona cero” con supresións en Lalín, Silleda e Forcarei// Ignacio Maril critica á alcaldesa de Silleda
Ecos da Comarca/Deza
O senador e alcalde de Lalín, José Crespo, vén de denunciar os “fortes recurtes” do Goberno de España en materia de frecuencias, traxectos e paradas de transporte público por estrada en autobús de ámbito estatal en caso de que saia adiante o novo mapa concesional recollido na Lei de Mobilidade Sostible –actualmente en tramitación no Congreso– e alerta de que as bisbarras de Deza e Tabeirós-Terra de Montes son a “zona cero” da provincia de Pontevedra con supresións completas en Lalín, Silleda e Forcarei.
O tamén rexedor revelou que os socialistas están a impulsar na Cámara Baixa esta nova normativa cun mapa de frecuencias “que deixa completamente en baleiro o noso territorio e que só está pensado en termos económicos no que supón un menoscabo aos servizos públicos dos cidadáns”. Ademais, confirmou que o PSOE resístese á Proposición Non de Lei (PNL) que os populares tentan impulsar no Congreso para evitar que se restrinxan estas paradas e os seus senadores votaron en contra no Senado da proposta do PP para que se revirta este “inxusto deseño” de novo mapa concesional de autobuses estatal.

Sen embargo, a iniciativa do PP saíu adiante na Cámara Alta, segundo informou o propio Crespo, con 148 votos a favor e as 89 negativas do PSOE, polo que agora vaise reclamar a convocatoria urxente da Conferencia Sectorial de Transportes para abordar esta cuestión, “e imos loitalo polos nosos veciños e polo rural de Deza, de Galicia e de España, pero non temos moitas esperanzas porque cando o interior precisa medidas para o seu desenvolvemento e para evitar o seu illamento, o PSOE sempre nos dá as costas na súa tradicional política de abandono á nosa terra e ás contornas rurais”.
Ademais, "no caso de Galicia, a medida é especialmente gravosa", segundo explicou o senador lalinense, posto que a lei que impulsa o Goberno de España contempla só o mantemento das paradas de bus en concellos de máis de 10.000 habitantes ou aquelas que teñan máis de 2.000 usuarios anuais, “pero no caso de Lalín nin sequera lles importa que dupliquemos o criterio poboacional e sesgan por completo este servizo”.
O tamén alcalde lalinense explicou que o PP está pedindo que se garanta por lei a maior conectividade posible nas zonas rurais e que se doten orzamentariamente de xeito suficiente os novos mapas concesionais para garantir estes servizos de transporte, “evitando que os nosos veciños teñan que facer transbordos e desprazarse ata as cidades para coller os autobuses interautonómicos”.
O senador informou de que os recurtes nesta materia afectan a 23 concellos galegos, dos cales cinco se atopan na provincia de Pontevedra, xa que a maiores dos tres das bisbarras veranse prexudicados O Porriño e Tui, e a 76 servizos de transporte interiores en Galicia. No caso de Deza e Tabeirós-Montes, os afectados directos son os máis de 32.000 veciños de Lalín, Silleda e Forcarei que, “máis alá das conexións con Madrid e con outros puntos de fóra de Galicia, que sempre nos son útiles, sobre todo vémonos prexudicados xa que perdemos conexións e frecuencias entre os nosos propios concellos e con outras cidades e localidades coas que facemos moita vida, como Santiago, Ourense ou O Carballiño”.
Publicidade
O PP repróchalle a postura á mandataria silledense
Pola súa banda, o voceiro municipal do PP de Silleda, Ignacio Maril, quixo reprocharlle a súa postura neste asunto á alcaldesa, Paula Fernández, que, como deputada do Grupo Socialista, “está apoiando este mapa concesional de buses que recurta as frecuencias e os traxectos que temos en Silleda e que ben seguro que votará cos intereses do seu partido e contra os dos veciños de Silleda” no caso de que Lei de Mobilidade Sostible culmine a súa tramitación e chegue á súa votación definitiva no Congreso.
Por elo, animouna a dar explicacións aos veciños do seu posicionamento “e a informar dos motivos polos que quere que perdamos conexións con Santiago, Lalín e, en menor medida con Madrid” e instouna a “ser valente e deixar de lado o argumentario do PSOE posicionándose con firmeza contra este novo recurte que os seus compañeiros perpetran contra Silleda e contra Deza”.
Finalmente, o concelleiro silledense lamentou que esta situación volva a amosar unha vez máis “a dobre cara que ten a rexedora local, que adoita a dicir unhas cousas por diante e a facer outras totalmente contrarias por detrás, que é algo que xa coñecen todos os veciños e que, por desgraza, sempre soe ir en contra dos intereses de Silleda”.
Comments