top of page

O Concello de Cruces convocará mobilizacións a partir do día 30 debido á situación sanitaria

hace 7 minutos
4 min de lectura

O goberno local reclama a cobertura das prazas médicas e unhas instalacións sanitarias dignas


Laura Moure/Vila de Cruces

O Concello de Vila de Cruces enviou novamente un escrito ao conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e ao xerente do Servizo Galego de Saúde, Luís Ángel León Mateos, solicitándolles unha actuación urxente no centro de saúde de Vila de Cruces. O Concello trasladou a súa preocupación pola situación que atravesa o centro de saúde, reclamándolles solucións urxentes, tanto para as deficiencias das instalacións como para a falta de cobertura das prazas médicas.

O Concello mantivo en todo momento unha actitude de diálogo e colaboración institucional. Con todo, a falta de solucións obríganlle a reiterar unhas reclamacións que non poden continuar demorándose:

  • A cobertura completa, estable e efectiva das dúas prazas médicas, garantindo a dotación prevista para o Centro de Saúde de Vila de Cruces e a asistencia correspondente ao consultorio de Merza.

  •  A execución urxente dos traballos de mantemento e reparación necesarios para eliminar as filtracións de auga e corrixir as demais deficiencias do edificio, sen supeditar estas actuacións á futura reforma integral da cuberta.


Finalmente, ante a persistencia destes problemas e a ausencia de solucións efectivas, o Concello de Vila de Cruces convocará mobilizacións a partir do 30 de outubro para reclamar a cobertura das prazas médicas e unhas instalacións sanitarias dignas. “Esta decisión chega despois de meses de reclamacións e contactos institucionais que non ofreceron os resultados agardados. Mantemos a nosa disposición ao diálogo e á colaboración coa Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde, pero consideramos que chegou o momento de que os compromisos anunciados se traduzan en actuacións concretas. Non reclamamos ningún trato de favor nin servizos extraordinarios. Esiximos que a veciñanza de Vila de Cruces poida acceder a unha atención sanitaria pública de calidade, con profesionais suficientes e nunhas instalacións adecuadas. Agardamos unha resposta urxente e medidas efectivas que permitan resolver esta situación”, argumentan desde o Concello.


O pasado 30 de xullo o Concello de Vila de Cruces remitiulles un escrito advertindo destes problemas. Na resposta recibida, trasladóuselle ao Concello determinadas previsións e compromisos que, transcorridos case tres meses, non se traduciron en solucións efectivas.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

En relación co estado das instalacións, o Concello lembra que, durante a visita realizada ao centro de saúde o pasado mes de febreiro por parte do anterior xerente do Servizo Galego de Saúde, abordouse a necesidade de actuar sobre a cuberta para solucionar as filtracións de auga que se veñen producindo desde hai anos. Naquela visita, o xerente comunicou a posibilidade de acometer no futuro unha renovación integral da cuberta, condicionada á obtención de financiamento europeo. Non obstante, tamén se adquiriu o compromiso de realizar con carácter inmediato os traballos de mantemento necesarios para evitar as filtracións, con independencia desa futura intervención.


"Oito meses despois, o outono xa comezou, as filtracións reapareceron e os traballos comprometidos seguen sen executarse. Nalgunhas dependencias, a entrada de auga chega a dificultar seriamente o seu uso. A isto súmase o deficiente estado da carpintería metálica, que permite importantes entradas de aire do exterior e compromete as condicións de confort térmico, especialmente durante os meses máis fríos", lamenta o Concello.


Na súa resposta anterior, a Xerencia fai referencia a un informe técnico actualizado o 11 de marzo, no que se estima en arredor de 300.000 euros o custo da reparación e reestruturación da cuberta. Porén, o Concello de Vila de Cruces non recibiu copia dese informe, polo que descoñece o alcance das inspeccións realizadas, as deficiencias detectadas e os motivos técnicos que xustifican unha intervención desa magnitude.


En calquera caso, o Concello entende que a necesidade dunha futura reforma integral non pode servir de xustificación para seguir adiando os traballos de mantemento e reparación comprometidos, especialmente cando as filtracións continúan afectando ao funcionamento do centro.


No relativo á situación asistencial, na resposta ao escrito municipal do 30 de xullo informábase de que as dúas prazas médicas afectadas, unha pola baixa de longa duración da súa titular e outra pola xubilación prevista para o 1 de outubro, serían ofertadas durante o mes de setembro. Porén, transcorrido o prazo anunciado, ningunha das dúas prazas conta cunha cobertura completa e estable. O centro continúa dependendo fundamentalmente das dúas médicas en activo e das prolongacións voluntarias das súas xornadas, unha solución provisional que non pode substituír a dotación ordinaria de persoal.


"É necesario ter en conta que durante estas prolongacións de tarde, a atención préstase exclusivamente polo facultativo, sen persoal de enfermaría nin administrativo e sen a mesma capacidade para atender as necesidades domiciliarias. Isto obriga a moitos pacientes a regresar ao centro para completar determinados trámites e limita os servizos dispoñibles respecto do horario ordinario. Estas circunstancias teñen unha especial repercusión nun municipio rural como Vila de Cruces, caracterizado por unha poboación envellecida e unha importante dispersión xeográfica, con núcleos de poboación situados a distancias de ata 25 quilómetros do centro sanitario. Para moitos veciños e veciñas, acudir a unha consulta médica implica percorrer longas distancias e, en numerosos casos,

depender de familiares ou terceiros para realizar os desprazamentos. Por iso, ter que regresar ao centro para completar trámites que deberían poder resolverse nunha mesma visita supón unha dificultade engadida", recalca.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

E insiste en que manter consultas médicas mediante prolongacións de xornada non equivale a garantir unha atención primaria completa. A continuidade asistencial, a atención

domiciliaria, o seguimento dos pacientes e a coordinación entre profesionais requiren unha dotación de persoal adecuada e estable.


O Concello de Vila de Cruces quere recoñecer expresamente o esforzo dos profesionais sanitarios que están asumindo esta situación, pero considera que a prestación dun servizo público esencial non pode depender indefinidamente da súa dispoñibilidade para ampliar voluntariamente a xornada laboral.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page