top of page

Incidencia da eclipse solar do 12 de agosto 2026 nos rexistros metereolóxics na estación de Lalín

Artigo do xeógrafo lalinense Antonio Preas

Antonio Presas/Lalín


INCIDENCIA DA ECLIPSE SOLAR DO 12 DE AGOSTO 2026, NOS REXISTROS METEOROLÓXICOS NA ESTACION DE LALÍN

Como se publicou en moitos medios, unha eclipse de sol , como a que tivo lugar o 12 de agosto, produce alteracións meteorolóxicas facilmente perceptibles por todas persoas e, incluso, moitos animais amosan signos de inquietude palpables ou alteran a súa conducta habitual.


Pois ben, se iso é certo, nada mellor que comprobar de forma experimental o que sucedeu nunha estación meteorolóxica de rexistro continuo, con datos cada dez minutos (dezminutais), como é o caso da estación de Lalín, instalada en Feás, a uns 600 metros de altitude.


Para iso analízanse os datos de temperatura instantánea en graos centígrados (ºC), humidade relativa (%), velocidade do vento (Km/hora) e dirección do vento (en graos sexaxesimais, 0º-360º), recollidos ao longo do día 12 de agosto (durante 24 horas), cada dez minutos, cun total de 144 rexistros por cada unha das variables.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

1- Algúns datos no día da eclipse en horario oficial (UTC+2)

Nacemento do sol: 7:57 horas (5:57 UTC)

Posta do sol: 21:30 horas (19:30 UTC)

Comezo da eclipse: 19:30 horas (17:30 UTC)

Máximo da eclipse: 20:28 horas (18:28 UTC)

Fin da eclipse: 21:20 horas (19:20 UTC)


O horario oficial en España vai dúas horas adiantado respecto do horario universal UTC (Tempo Universal Coordinado), por iso en horario UTC o máximo da eclipse produciuse ás 18:28 horas


A eclipse tivo lugar a última hora da tarde, enlazando co solpor, polo que desde un punto de vista práctico, pode considerarse como un acortamento do día: empezou a anoitecer case dúas horas antes. O que se "perdeu de día, gañouse de noite" e o descenso de temperaturas posterior á posta do sol tamén se adiantou.


2- Variables meteorolóxicas analizadas na estación de Lalín (en horario UTC)

2.1 A temperatura

A temperatura media no 12 de agosto, na estación de Lalin, foi de 23,97ºC, acadándose a mínima ás 6:20h, con 16,04ºC e a máxima ás 15:40h, con 31,1ºC, polo que a oscilación térmica foi de 15,06ºC.


Durante a eclipse a temperatura experimentou un descenso propio dun "atardecer adiantado", pasando de 30,88ºC, ás 17:30h, a 26,66ºC ás 19:20h, un descenso de 4,22ºC no espazo de case dúas horas, o que durou a eclipse.


Se realizamos unha análise máis pormenorizada podemos observar que ás 17:30h houbo un cambio na dirección do vento, que pasou de compoñente NNO (340º) a compoñente NNL (30º). Este cambio fixo que a temperatura baixara máis rapidamente ao tempo que o escurecemento producido pola eclipse contribuía á diminución da radiación solar. En consecuencia, a temperatura baixou por esas dúas razóns, pero na gráfica tamén se aprecia que entre as 18:30h e as 19:20h a temperatura baixa tan só 1ºC, debido a unha transitoria recuperación da radiación solar.

2- Gráfico circular coa dirección do vento en graos sexaxesimais cada cada dez minutos, durante o 12 de agosto na estación de Lalín. Nótese o cambio brusco de dirección ao comezo da eclipse (17:30 UTC/ 19:30 oficial)
2- Gráfico circular coa dirección do vento en graos sexaxesimais cada cada dez minutos, durante o 12 de agosto na estación de Lalín. Nótese o cambio brusco de dirección ao comezo da eclipse (17:30 UTC/ 19:30 oficial)

2.2 A velocidade do vento

A velocidade media do vento, o día 12 de agosto, foi 5,98 Km/hora con momentos de calma pola noite e un valor superior a 12 Km/h entre as 11:10h e as 18:40h, por iso o refacho máximo (30,8 Km/h), tivo lugar ás 16:20h, unha hora antes do comezo da eclipse.

Ao comezo da eclipse a velocidade do vento aumenta lixeiramente, pasa de 13,6 Km/h a 17,2 Km/h (ás 18:00h). A partires dese momento desacelara a velocidade ata chegar a 5 Km/h cando finaliza a eclipse e continúa ata a calma total, 0 Km/h, que ten lugar ás 20,30h.

Cambio na dirección do vento, ao comezo da eclipse, na estación de Lalín.
Cambio na dirección do vento, ao comezo da eclipse, na estación de Lalín.

2.3 A dirección do vento

O vento tivo unha compoñente de NNO (340º) entre as 7:00h e as 17:30h, cando se empeza a notar a eclipse e, a partires deste momento prodúcese un cambio na súa dirección, que adquire, de forma repentina, compoñente NNL (entre 22º-36º). Este cambio condicionou a evolución da temperatura e da humidade relativa.

 Humidade relativa, velocidade do vento e temperatura durante o 12 de agosto de 2026, en valores dezminutais, na estación de Lalín
 Humidade relativa, velocidade do vento e temperatura durante o 12 de agosto de 2026, en valores dezminutais, na estación de Lalín

2.4 A humidade relativa

A humidade relativa (cantidade de vapor de auga que hai na atmósfera relacionado co nivel de saturación ao 100%), que depende, basicamente, da temperatura, reflecta unha situación típica de calquera día: acada os valores máximos pola noite e os mínimos ao comezo do atardecer.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

A partires das 17:20 a humidade relativa (42%) empeza a subir e acada, durante o máximo da eclipse, ás 18:30h, un valor do 48%. De seguiido experimenta unha lixeira baixada, para continuar en progresivo aumento a medida que avanza o anoitecer


EN CONCLUSIÓN

A eclipse de sol que tivo lugar o 12 de agosto entre as 17:30h e as 19:20h UTC (dúas horas máis no horario oficial de verán) repercute de forma apreciable en determinadas variables meteorolóxicas como é o caso da temperatura, humidade relativa, velocidade e dirección do vento, como ben se pode apreciar ao analizar os datos da estación de Lalín.

O momento do día no que tivo lugar a eclipse, a última hora da tarde, serviu como anticipo ao anoitecer e non houbo tempo para unha posterior recuperación das variables meteorolóxicas modificadas. Desta forma a eclipse case enlazou co comezo do anotecer.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page