Hoxe cúmprense catro anos da desaparición de Julio Félix Fernández Vázquez, veciño de Silleda
- Laura Moure
- 11 oct 2022
- 2 Min. de lectura
"Estaría ben un pouco máis de apoio por parte das autoridades, xa sexan políticos, Garda Civil, etc... Que a pesar de que sexa unha persoa de 70 anos non hai porque deixar de buscala", lamenta a súa sobriña
Laura Moure/Silleda
E un 11 de outubro máis queremos lembrar a Julio Félix Fernández Vázquez, veciño da parroquia silledense de Saídres que desapareceu fai hoxe xusto catro anos. Dende ese día os seus familiares viven nunha incertidume total sen saber que foi del.
Desapareceu, con 72 anos, o 11 de outubro de 2018 cando saíu a dar un paseo. Vivía no lugar de Aldea Grande, nesta parroquia. Durante semanas familiares e voluntarios estiveron peinando distintas zonas para intentar dar co seu paradoiro, usáronse distintos medios e incluso, chegaron dende Madrid cans de rastreo que participaran noutros casos destacados de desaparecidos. Cada xornada, era unha nova esperanza de que ese ía ser o día, o día de atopalo. Pero por desgraza, dende iso xa van catro anos.

Onte ECOS DA COMARCA falou coa súa sobriña Paula Fernández, que nos conta que dende aquelas todo segue igual. Non hai ningún cambio. "Ao non haber noticias é todo unha incertidume", confesa.
Ademais, agora dende a distancia, con ese tempo de por medio tamén lamenta aspectos da búsqueda de seu tío. "Estaría ben un pouco máis de apoio por parte das autoridades, xa sexan políticos, Garda Civil, etc... Que a pesar de que sexa unha persoa de 70 anos non hai porque deixar de buscala. E quizais poñer todos os medios dende o minuto un, non como no noso caso que como o 12 era o Día do Pilar, era día de festa, estaba todo baixo mínimos", lamenta.
E así mesmo, reivindica que "non somos números senón que a cada un dóelle os seus. Se fose cercano a algún deles non habería festas nin nada que o impedise".
Este veciño de Silleda, o de Toques do que falabamos onte que está en paradoiro descoñecido dende hai cinco anos... conforman, por desgraza, unha longa lista de persoas desaparecidas no mundo. Pero ningunha debe caer no esquecemento, porque detrás hai unha familia que segue agardando por ela.
NOTICIAS RELACIONADAS:
Deste veciño de Silleda desaparecido en 2018:
Do veciño de Toques desaparecido en 2017:
Commentaires