top of page

Gómez demanda ao Goberno central negociacións con Marrocos para permitir a exportación de bovino

Así o avanzou onte a titular deste departamento, María José Gómez, nunha visita á Central Agropecuaria de Silleda, durante o transcurso do habitual mercado de gando dos martes


Ecos da Comarca/Silleda

A Consellería do Medio Rural reclamará ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a apertura de vías de diálogo e negociación con Marrocos para permitir de novo a venda de bovinos procedentes de España a este país, que é un dos mercados principais de exportación. Así o avanzou onte a titular deste departamento, María José Gómez, nunha visita á Central Agropecuaria de Silleda, durante o transcurso do habitual mercado de gando dos martes.

A demanda será trasladada onte mesmo no seo do Consello Consultivo de Política Agrícola, no que a conselleira participa de xeito telemático. Seguindo esta liña, María José Gómez incidiu en que Marrocos segue a ter a fronteira con España pechada por mor da  Dermatose Nodular Contaxiosa (DNC). Tendo en conta que non se detectaron novos casos desta enfermidade desde o mes de marzo, nin en Cataluña nin Aragón, é necesario comezar a “flexibilizar” esta situación, co fin de permitir de novo e “canto antes” as vendas de bovino, xa que se trata dun mercado fundamental para que os produtores galegos poidan manter prezos estables e garantir a rendibilidade das súas explotacións.


Gómez lembrou que o Ministerio que dirixe Luis Planas abriu no seu momento vías de diálogo e negociación semellantes con China, nun contexto marcado pola influencia da peste porcina africana no noso país; polo que debe facer as mesmas xestións con Marrocos para que os bovinos galegos teñan saída comercial no norte de África.

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

Outras demandas sobre a Dermatose Nodular Contaxiosa

A conselleira do Medio Rural debullou tamén outras demandas trasladadas ao Ministerio en relación coa DNC, como unha maior coordinación e comunicación coas comunidades autónomas para abordar esta cuestión e a incorporación da enfermidade nos seguros.

Seguindo esta liña, solicitou de novo ao Goberno Central que lidere ante a Unión Europea o desenvolvemento dunha vacina marcada e solicite a rebaixa da categoría A da doenza para que, en caso de detectarse algún caso, non sexa necesario realizar un baleirado sanitario. Cabe sinalar que estas dúas demandas foron trasladadas xa polo Goberno autonómico ao comisario europeo de Sanidade animal, nunha xuntanza mantida en Bruxelas.


Nova PAC a partir de 2028

En relación coa nova Política Agraria Común a partir do ano 2028, a conselleira sinalou a importancia de seguir mantendo mesas de diálogo para reclamar unha PAC forte e con orzamento suficiente, na que as medidas propostas por Bruxelas poidan ser negociadas desde as Comunidades Autónomas para que posteriormente sexan defendidas polo Ministerio. Lamentou así que a frecuencia destas xuntanzas diminuíra nos últimos meses e destacou a importancia de que o Goberno central siga escoitando ás comunidades. 


A conselleira definiu este eido como “crucial e fundamental” para Galicia. Neste contexto, fixo referencia á baixada dos prezos do leite nos actuais contratos e instou ao Goberno central a tomar medidas que protexan aos produtores, tanto dentro do Paquete Lácteo como con modificacións na Lei da cadea alimentaria.


María José Gómez lembrou tamén que hai xa tres meses que se lle solicitou ao ministro Luis Planas unha reunión presencial para trasladar varias destas cuestións. Unha petición que, polo de agora, non obtivo resposta.



Onte, martes 16 de xuño, celebrouse unha nova xornada da central agropecuaria de Silleda.

COTIZACIÓNS 16 XUÑO 2026:


Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page