top of page

Forno lembra que "o PP leva 7 anos sen actuar nunha grada do Cortizo que xa era deficiente en 2019"

A voceira socialista reclama unha planificación seria para as instalacións deportivas de Lalín e advirte de que “non se pode seguir prometendo o mesmo proxecto elección tras elección sen executar nada”

Ecos da Comarca/Lalín

A voceira do PSdeG-PSOE de Lalín, Alba Forno, lamentou onte que o goberno de Crespo recoñeza agora a necesidade de actuar na grada do Estadio Municipal Anxo Cortizo cando o propio Partido Popular xa denunciaba en 2015 o seu estado deficiente e presentaba en 2019 como prioridade electoral unha actuación integral sobre a instalación.

 

Forno lembra que cando o PP estaba na oposición aseguraba que a grada presentaba importantes deficiencias estruturais, chegando a reclamar a súa substitución por problemas de “aluminose”, “pero agora vemos como din que a grada está ben e que solo hai que parcheala”. “O sorprendente non é que a grada teña problemas, porque iso xa o dicían eles, o preocupante é que sete anos despois de volveren ao goberno siga igual e que o único que teñamos enriba da mesa sexan reparacións puntuais”, afirmou.

A portavoz socialista considera que o ascenso do CD Lalín á Terceira Federación volve poñer de manifesto as carencias dunha infraestrutura que leva décadas sen unha renovación de fondo. “Estamos falando dun club histórico que acaba de regresar a unha categoría de ámbito estatal e que merece unhas instalacións á altura. O cortizo non pode seguir vivindo de parches permanentes nin de promesas que nunca chegan a executarse”, sinalou.

 

Desde o PSdeG consideran necesario acometer os arranxos que sexan precisos para garantir a seguridade e o correcto funcionamento da instalación, pero advirten de que iso non pode substituír unha planificación seria do futuro das infraestruturas deportivas municipais.

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

“Nós apoiamos unha reforma integral do Cortizo e o desenvolvemento da área deportiva do Lalín Arena porque entendemos que Lalín necesita ampliar e modernizar os seus equipamentos deportivos, o que non entendemos é que o Partido Popular siga anunciando os mesmos proxectos elección tras elección sen que a cidadanía vexa avances”, indicou Forno.

 

A voceira socialista defendeu que chegou o momento de abrir un debate serio sobre as necesidades deportivas de Lalín para as próximas décadas. “O deporte lalinense merece algo máis que anuncios e proxectos eternamente prometidos”, engadiu.

  PUBLICIDADE

Preme na imaxe e contacta con nós!
Preme na imaxe e contacta con nós!

Forno adiantou que o PSOE traballa en proxectos tanto para a reforma do Cotizo, como para os equipamentos da área do Arena e lembrou que as instalacións deportivas municipais soportan unha elevada demanda por parte de clubs, escolas deportivas e usuarios particulares, polo que considera imprescindible definir unha folla de ruta que permita modernizar e adaptar os espazos ás necesidades actuais.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page