top of page

Finaliza o episodio adverso por vento e chuvia cun total de 1.322 incidencias

Ecos da Comarca/Xeral

Onte pola tarde déronse por rematados os fenómenos meteorolóxicos adversos por chuvia e vento en terra. Con motivo do temporal que estivo presente en toda a comunidade galega, no 112 Galicia chegaron a contabilizarse un total de 1322 incidencias desde primeira hora do día do martes e ata as 19:00 horas do mércores.


A provincia máis afectada foi a de Pontevedra (732), seguida da da Coruña (329). A maioría dos municipios que sufriron máis consecuencias pola climatoloxía atópanse na zona pontevedresa, como son Vigo (157), Pontevedra (59), A Estrada (53) e Nigrán (37). Santiago de Compostela, con 67, sería o segundo concello máis afectado, só por detrás da cidade olívica. Pola súa parte, nas áreas de Lugo e Ourense recolléronse 118 e 134 sucesos respectivamente. A maior parte das intervencións tiveron que ver con árbores e pólas en estradas (791), seguido de cables e postes de luz ou teléfono (166) e actuacións de prevención de risco (133).


Entre as 15:00 e as 19:00 de onte, rexistráronse ata 178 sucesos en relación cos fenómenos meteorolóxicos. Continuouse coa mesma tendencia que sinalaban os datos xa recollidos ata o momento, con Pontevedra (65) e A Coruña (56) como provincias con máis incidentes. O municipio máis afectado seguiu sendo Vigo (19), seguido de Santiago de Compostela (17) e Teo e Pontevedra, ambos con 5. As árbores e pólas en estradas continuaron a ser o motivo polo que máis xente contactou co 112 Galicia, con 100 incidencias rexistradas. As intervencións por cables ou postes de luz ou teléfono (26) e por prevención de risco (25) tamén acapararon gran parte das actuacións dos equipos de emerxencias.

En canto ás incidencias máis relevantes que se produciron entre as 15:00 e as 19:00 horas de onte, é preciso mencionar o alagamento da parte subterránea dunha casa en Ames, onde se chegaron a acumular uns 60cm de auga segundo o particular que informou ao 112 Galicia.


Ao igual que noutras horas do día, os vehículos tamén sufriron as consecuencias do temporal: en Oleiros, unha árbore caeu sobre un coche mentres que, en Nigrán, un poste de formigón aterrou sobre dous coches e parte dun camiño. Ningunha persoa resultou ferida en ámbolos casos. Tampouco houbo danos persoais nun accidente que sufriu o GES de Mugardos en Valdoviño, ata onde se desprazou por mor dunha árbore que interrompía a circulación pola estrada.


Por outra banda, recibiuse un aviso por unha árbore que cortaba totalmente a estrada en Begonte, o que impedía que un autobús escolar puidese achegarse a recoller os rapaces no colexio.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Aínda que Pontevedra foi a provincia máis castigada, na Coruña, e en concreto en Aranga, tamén se notaron os efectos das chuvias continuadas: unha presa desbordouse e chegou a anegar unha zona próxima, aínda que non houbo que lamentar danos persoais, como nas incidencias anteriormente mencionadas.


Convén mencionar que, pese a que xa non está activa ningunha alerta por chuvia ou vento en terra, os efectos do temporal e os estragos que deixa aínda poden ser causa de accidentes e contratempos, polo que non se deben relaxar as precaucións. Igualmente, segue activa unha alerta laranxa por fenómenos meteorolóxicos adversos na costa, polo que é preciso ser aínda máis precavidos se cabe nesta zona.e de onte, os efectos do episodio de vento e chuvias intensas comezouse a sentir. 

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page