top of page

Ferrados de Vida dende Os Pendellos de Agolada

Artigo de opinion de Ángel Luis Utrera sobre Ferrados de Vida


Ángel Luis Utrera/Xeral

O 31 de agosto os Pendellos de Agolada acolleron a primeira edición de Ferrados de Vida. Unha cita que congregaron a uns 70 produtores de toda Galicia e que estivo organizada por Agolada Viva, dentro da Plataforma Ulloa Viva. A veciño de Agolada e colaborador desta cita Ángel Luis Utrera Baza escribe este artigo do opinión sobre este evento.

Artigo de opinión

Ángel Utrera (en primeiro plano) durante a celebración de Ferrados de Vida. Autor: Ecos da Comarca.

Ferrados de Vida dende Os Pendellos de Agolada.

"O sábado día 31 no que pechabamos o mes máis festeiro do ano no noso País, o pobo de Agolada viviu unha xornada para a historia do noso recinto feiral, o máis enxebre e auténtico de toda Galicia, dun xeito intenso e moi especial. Todo un fito que vén abrir unha raiola de luz. Dende os chaos de Aián, ao pé do Farelo, organizada pola plataforma Agolada Viva, enmarcada na Ulloa Viva, que leva por diante dende hai meses a loita contra a implantación desa monstruosidade de macro celulosa, coma é ALTRI, a que empezou coma un proxecto, seguiu como outro diferente e na actualidade logo de quitarse a careta e mostrar a súa auténtica realidade, resulta ser unha celulosa contaminante, pura e dura, vaia por Deus, quen o diría, repartimos ferrados de vida, e semente de futuro para o rural desta mal tratada terra nosa no corazón mesmo de Galiza.


Baixo os mostradores de pedra e madeira, dos alpendres, casetos e pendellos, dun xeito tradicional colocáronse con moito agarimo e esperanza no futuro, os produtos e o traballo, a fé e a entrega dos diversos produtores, máis de setenta, chegados dende todos os puntos da nosa terra, para convencernos de que aínda non é tarde e que dende logo outro xeito de facer as cousas, e outro modo de vivir coma labregos é posible e necesario.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información.

O longo da xornada “Ferrados de Vida”, como a definiu a organización: Unha xornada multidisciplinar, interactiva, interxeneracional, didáctica, e lúdica, a que Eu engadiría tamén moi reivindicativa no que quedou claro que o sector primario; esta especial forma de entender a relación do home co seu medio natural, sen agresións nin explotacións salvaxes, que tan só representan pan para hoxe e fame mañá e no que botase man ata a saciedade do dislate; industrialización, rentabilidade, negocio, fronte ao forma de vida natural, tradicional, e harmónica o agro digo, ten que facer fronte a explotación sistemática dos recursos, sen medida, nin cortapisas de ningún tipo. E para mostra o botón de Altri.


Dende o corazón dos ferrados de vida, os miles de asistentes, veciños e curiosos, os varios voluntarios que desinteresadamente fixeron posible que todo saíra medianamente ben, os produtores e tódolos que prestaron a súa axuda, o seu tempo e traballo berraron ben forte; ALTRI NON, o son da danza da terra, a música das gaitas e a palabra acubillo dos Pendellos. Porque por riba de todo o que saíu regular, hai que destacar as moitas cousas que se fixeron máis que ben, como foi o traballo dos poñentes nas distintas mesas redondas celebradas ó longo da xornada e na que quedou de manifesto a importancia de vivir con respecto o noso medio, vivir como labregos, porque labregos somos todos se representamos o noso papel dende o fondo desta aldea global que resulta ser a terra, o noso único planeta no que vivimos e temos a obriga de protexer, conservar, defender e deixar en herdanza ás futuras xeracións, polo que hai que loitar con todas as nosas forzas contra os intereses dos poderosos, os poderes económicos e os seus lacaios políticos, incapaces de ver mais alá da punta do seu nariz.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Agolada, a Ulloa, a terra de Abeancos, o Deza, e Galicia enteira como unha piña neste fermoso Oficio de Labregos, berrou durante toda a xornada do sábado pasado, queremos Ferrados de Vida, non Celulosas que envelenan e nos asfixian sen remedio, por todo elo dicimos ALTRI NON, e agardamos xa con impaciencia futuros “FERRADOS DE VIDA”.

Ángel Utrera


NOTICIA RELACIONADA:




Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page