top of page
Foto del escritorecosdacomarca

O que resiste, vence!

Artigo de opinion de Xoán Carlos García Porral sobre Ferrados de Vida


Xoán Carlos García Porral /Xeral

O pasado sábado os Pendellos de Agolada acolleron a primeira edición de Ferrados de Vida. Unha cita que congregaron a uns 70 produtores de toda Galicia e que estivo organizada por Agolada Viva, dentro da Plataforma Ulloa Viva. O profesor e antropólogo lalinense Xoán Carlos García Porral escribe este artigo do opinión sobre este evento.


Artigo de opinión

Xoán Carlos García Porral.

O que resiste, vence!

“–Un momento –añadió Víctor–, aún no he terminado –levantó las dos manos, pausadamente, sobre la mesa–: Una hipótesis, Dani, todo lo absurda que tú quieras, pero es una hipótesis. Imagina, por un momento, que un día los dichosos americanos aciertan con una bomba como ésa de neutrones que mata pero que no destruye, ¿no? Bueno, es una hipótesis, una bomba que matara a todo dios menos al señor Cayo y a mí, ¿te das cuenta? Es una hipótesis absurda, ya lo sé, pero funciona, Dani. Pues bien, si eso ocurriera, yo tendría que ir corriendo a Cureña, arrodillarme ante el señor Cayo y suplicarle que me diera de comer, ¿comprendes? –casi sollozaba–: El señor Cayo podría vivir sin Víctor, pero Víctor no podría vivir sin el señor Cayo. Entonces, ¿en virtud de qué razones le pido yo el voto a tipo así, Dani, me lo quieres decir?” …… “Ese tío sabe darse de comer, es su amo, no hay dependencia.”

Miguel Delibes, El disputado voto del señor Cayo


Qui resistit, vincit (o que resiste, vence), di unha máxima latina. E o que lle acontece ao noso rural é similar ao náufrago que se agarra sen remedio ao flotador agardando a que alguén o salve. É consciente de que gran parte do seu éxito está en resistir. E RESISTIR é o que lles queda ás nosas aldeas, ás xentes que viven nelas e se rexen por un modo de ser determinado e concreto marcado pola relación coa natureza e pola cohabitación con outras xentes de sentimentos e obrares semellantes. Aí é onde reside a identidade rural galega. Aí é onde se entenden xornadas como a celebrada nos Pendellos de Agolada o sábado 31 de agosto baixo o lema de “Ferrados de Vida”. Neste encontro, que precisa de eco e continuidade no tempo, os protagonistas foron os produtos de proximidade, sustentables e ecolóxicos, chegados dende distintos lugares de Galicia.


A pesar do progresivo abandono do traballo agropecuario, é tanxible a existencia de familias e comunidades que se resisten a perder a súa identidade como campesiñas no sentido que ao termo campesiño lle deu a literatura antropolóxica. A saber: o dunha persoa que vive por e para a terra, que depende de -e se relaciona con- sectores non campesiños e que mantén unha cultura con trazos específicos, herdados do pasado, o que fai que o seu tempo sexa de longa duración se o comparamos co tempo urbano. Unha definición semellante de campesiño ofrécenola Pol Dunyó, pagès agroecològic de professió i vocació, autodidacta e que traballa a terra con tracción animal, cando di que “un campesiño ou campesiña é unha persoa que vive e traballa a terra e o que dela se deriva, participando nunha serie de procesos nos que o ser humano e a natureza mutan e se desenvolven en conxunto e interactúan entre si de forma continua; cultivar implica coidar, traballar con respecto” (2021: Romper la tierra. Contra las mentiras del mundo rural. Barcelona: Rayo Verde Editorial.). Por tanto, non debemos caer no pesimismo máis absoluto. Aínda quedan persoas e familias nas aldeas que, sen teren no traballo agropecuario o seu principal modo de vida, se seguen definindo como rurais e campesiñas a través do mantemento dunha forma de entender a existencia e dun patrimonio herdado que os acubilla ao abeiro dunha cultura e un estilo de vida concretos.

Como manifestaba o director chantadino David Vázquez nunha entrevista a Nós Diario (7/12/2022) a raíz da súa curtametraxe documental El último de Arganeo, “as salvadoras do rural son as persoas que naceron aí e que RESISTEN, e todo o demais son parches, que benvidos sexan cando son coa intención de conservar as cousas”.


Publicidade

A vida no rural, na actualidade, é apetecible por razóns varias como o ter unha maior relación coa natureza e o gozar dunha vida máis saudable, tranquila e sostible no campo, ou simplemente por cuestións de aforro económico, aínda que ás veces non exista unha ancoraxe identitaria cunha comunidade rural definidora dunha maneira de ser e proceder aldeá. Como di Fruela Fernández, “un pueblo funciona mediante geometrías de la pertenencia: dónde se está, quién se es, a qué distancia se sitúa uno respecto a aquello que el pueblo considera propio” (2021: Incertidumbre de aldea (Apuntes 2018-2021). Santander: La Vorágine).


Xentes con distinta ideoloxía e intereses, pero unidas pola defensa do territorio, da natureza e da potencialidade da nosa terra sen ter que hipotecala no presente e no futuro, estanse facendo fortes e están resistindo ante un novo amo, ALTRI, que reproduce con demérito o tempo pasado dos caseiros: aqueles que por obriga tiñan que asumir un rol voluntario para fuxir da fame, ter onde vivir e sacar á súa familia da miseria. Hoxe en día, os moradores das Terras do Medio están sendo forzados e obrigados, contra a súa vontade, a ser os “novos caseiros” dun “super-amo” que non vai ter compaixón deles (nin de nós) cando fagoticen non só o espazo natural e a súa diversidade, senón un modo tradicional de entender a vida no rural e o traballo da terra.


Publicidade

Os caseiros enchíanlles as huchas de gran de trigo aos amos. Estes comían pan branco todo o ano; aqueles só pan de boroa, contentándose coas migallas que deixaban caer os ricos en mans dos pobres (que non miserables; senón dignos, moi dignos!).


As protestas emotivas e razoables contra ALTRI e a resistencia a deixar morrer o noso rural reverdecen un tempo no que o espírito de solidariedade definía e identificaba ás comunidades aldeás. Precisamos “ferrados de vida”, non “ferrados de industria” irracional e pouco respectuosa co noso medio e coa nosa identidade, e que nos acabará por converter en súbditos renegando da nosa esencia. Temos que defender a nosa dignidade e asumir o rol do Sr. Cayo de Delibes ante os que se cren posuidores da verdade e da sustentabilidade baixo o amparo do capitalismo globalizante. Se así se lle fai saber, un día dirán: Ese tío sabe darse de comer, es su amo, no hay dependencia.





0 comentarios

Commentaires


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page