top of page

"Familias des-coidadas en Lalín": artigo de opinión da Asociación Teta e Coliño


Ecos da Comarca/Lalín

A Asociación Teta e Coliño de Lactancia e Crianza con Apego de Lalín envíanos o seguinte artigo de opinión


Familias des-coidadas en Lalín

"Hai case dous anos que a asociación galega Teta e Coliño creou en Lalín unha sede coa intención de xerar rede entre familias que cremos na crianza respectuosa e con apego. Desenvolvemos xuntanzas mensuais onde a maioría das participantes somos mulleres xunto coas nosas fillas e fillos, que participan así dun espazo colectivo, mentres xogan, toman teta ou biberón, aprenden a camiñar, a falar... Nestes dous anos sumáronse novas familias (e bebés) e tamén outras deixaron de participar, pero pouco a pouco fomos "facendo tribu" e fortalecendo Teta e Coliño en Lalín, desde a diversidsde e o respecto aos ritmos e intereses de cadaquén, aprendendo unhas das outras e acompañándonos.


A “orde do día” das nosas reunións, por norma xeral, é estar xuntas e falar das nosas cousas, coa única intención de darnos apoio mutuo neste camiñar solitario, intenso

e fermoso que é a maternidade.

• A maternidade é solitaria: convivimos nun sistema que non asume que as mulleres, cando somos mamás, seguimos a precisar agarimo, atención e tempo de calidade para os

coidados e para os auto-coidados.

• A maternidade é intensa: cando tes crianzas, ese tempo que che falta por un lado, multiplícase por outro e descobres que non es un desastriño, senón super eficiente,

traballando con duplas e triplas xornadas e atendendo a un tempo 15492 cousiñas e

cousazas á vez (intensifícase iso que chaman “carga mental”).

• E a maternidade é ben fermosa: porque descobres sentimentos e un amor que fai que todo o anterior se suavice e sexa máis levadeiro (menos cando levas moitas noites sen durmir, que son ben sufridas).


Por que escribimos isto?

Porque crear un colectivo non para aquí. Tecer redes serve tamén para identificar situacións e problemáticas que afectan a todas as familias, non só a nós, e debemos alzar a voz se realmente queremos mellorar o futuro das crianzas da nosa comarca e xerar unha contorna máis saudable e beneficiosa, pacífica e deseñada desde e para o bo trato:

• Vimos denunciando agresións ao dereito humano á saúde desde hai tempo: xa o ano pasado realizamos unha “manifestación en familia” con “Pediatras e Matronas Xa!” polas rúas de Lalín desde o noso apuntalado centro de saúde ata o xigantesco e sempre en construción novo centro de especialidades, tras recoller máis de 500 firmas demandando melloras na sanidade pública.

Marcha que organizaron o ano pasado para denunciar a situación do servizo de pediatría.

Agora, en 2024, a cousa empeorou! Resulta que temos un sistema público onde se non se

incorpora unha persoa á súa praza, os protocolos mandan e hai que agardar mínimo un mes para cubrir esa praza. Hoxe a situación en Lalín é esta:

◦ non hai pediatras en quenda de tarde (malia que se prometeu e houbo algúns meses onde si se contou con 1 profesional nese horario);

◦ non hai pediatras en urxencias, por tanto fin de semana e festivos vaite ao hospital

(reforzando a inequidade de condicións de acceso aos servizos públicos do noso rural) ou tenta á sorte e achégate ao PAC por se coincide (literalmente) que ese día hai 1 pediatra en urxencias;

◦ se es familia veciña deses concellos limítrofes onde tiñas pediatra un par de días á semana porque desde Lalín se trasladaba 1 profesional para dar atención pediátrica no teu concello, agora tes que facer ti a viaxe a Lalín.


Vivimos nun sitio pequeno e “todo se sabe” (sobre todo, se che tocou esta semana agardar 2,5 horas para que atendesen á túa crianza), mais en ningún momento se nos indicou a situación nin canto tempo vai continuar este despropósito que, ademais de supoñer un perxuízo para todas as familias, implica novamente desvalorizar o labor profesional de quen nos coida. No momento de redacción deste escrito, unha familia informa de cando tivo que acudir esta semana ao centro de saúde de Lalín, había 1 soa pediatra!! Cremos que esta situación é inadmisible.


A nivel de oferta cultural no noso concello, na franxa 0-3 anos hai escasas propostas para o desfrute en familia e desde logo non son estables no tempo nin permiten criar desde unha perspectiva apegada ao territorio (e mira que temos artistas aquí, de calidade e con proxectos ben fermosos). Cando chove ou fai frío en Lalín, se queres facer algunha actividade cultural ou de ocio, as opcións habituais son acudir a algún espazo privado ou ao centro comercial, que é o único lugar de Lalín onde hai un espazo cuberto de xogo gratuíto; e se non queres pagar ou ir a un centro comercial... Queda na casa).


Agradecemos moito a implicación do Centro Comercial Pontiñas, que incluso programou actividades culturais para público familiar nas Festas das Dores de 2023, algo ben importante se non queres (ou non podes) permitirte aboar os prezos dos carruseis e tómbolas, por exemplo, pero queres desfrutar das festas da túa vila.


Hai poucos meses inaugurouse o novo Edificio Multiusos no antigo colexio Manuel Rivero e

puxémonos ben contentas cando vimos as marabillosas fotografías da Ludoteca. Ata agora, para as xuntanzas de Teta e Coliño “invernais” reservamos a sala infantil da biblioteca municipal, onde se somos máis de seis familias (por sorte, moitas veces), o sitio queda pequeno, xa que a metade da sala está ocupada polas gradas-escaleira. Así que, todas contentas, solicitamos poder usar a Ludoteca (que ten pinta de ser unha chulada). Mais chegounos un escrito de que non, sen máis, porque non está dispoñible (malia que en concreto a pedimos inicialmente para unha data en que sabiamos que si que ía estar aberto o espazo porque habería outra actividade noutra sala o mesmo día). Ao parecer, no edificio inaugurado non hai aínda persoal asignado, polo que non se pode usar máis que en X momentos. Cales son eses X momentos? Non o sabemos. O edificio está inaugurado, así que gustaríanos poder usalo.


Varias veces, vía rexistro, solicitamos ao concello de Lalín unha xuntanza para presentar a nosa asociación e tratar temas como a necesidade dun espazo municipal axeitado. Ademais de realizar xuntanzas mensuais, temos organizado ao longo destes dous anos obradoiros de xogo, concertos, charlas para familias... Temos moito que avanzar como colectivo, pero as institucións públicas deben cumprir coas súas obrigas e responsabilidades.


Cremos que debemos demandar aos gobernos autonómico e local que coide ás familias, tamén ás do rural, ofrecendo uns servizos públicos de calidade no eido sanitario e sociocultural. Mentres, as familias socias e amigas de Teta e Coliño seguiremos tecendo rede, para xuntarnos e desfrutar da maternidade, ao tempo que non pararemos de denunciar situacións como as descritas, que poden e deben mellorar a curto prazo. Porque as familias do rural tamén temos dereito a ser coidadas".


Publicidade

A Axenda 2030 de Silleda será unha axenda para o desenvolvemento global, pero partindo

da realidade local, contextualizando os ODS no municipio, para poder avanzar na súa

consecuencia de abaixo cara a arriba. A Xunta de Goberno Local vén de aprobar os

contratos para a redacción do Plan de Acción, definición e implementación dun sistema de

monitorización, seguimento e avaliación da Axenda 2030 e o do plan de comunicación.


Estas actuacións continúan na liña marcada polo goberno de Silleda para favorecer un

desenvolvemento sostible, como a adhesión do Concello á Rede de Entidades Locais (en

2020) ou como a pioneira rede de calor con biomasa implantada en 2018 en varias

instalacións municipais con enerxía máis limpa e sustentable.


0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page