Falece o home que caeu onte por un terraplén co seu vehículo en Melide
- ecosdacomarca
- hace 1 hora
- 1 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Melide
Os Bombeiros de Arzúa rescataron a un home atrapado nun vehículo tras caer por un terraplén onte en Melide. O condutor, e único ocupante, foi evacuado en helicóptero ao hospital, onde faleceu. Trátase dun veciño de Melide de 74 anos moi coñecido por pertencer a unha empresa cárnica do municipio. O accidente ocorreu no lugar de Anduriña, na parroquia de Folladela.
Publicidade
O aviso recibiuse ás 17:50 horas informando dun sinistro cunha persoa ferida, pero non atrapada. Posteriormente, confirmouse a necesidade de excarceración do único ocupante do vehículo, polo que se mobilizou unha dotación de bombeiros do parque provincial de Arzúa, tal e como informa o gabinete de prensa do Consorcio Contra Incendios e de Salvamento A Coruña.
O vehículo implicado saíuse da vía por unha ladeira duns oito metros e impactou contra varias árbores. A intervención dos bombeiros consistiu na retirada das portas e do teito do vehículo, así como na protección do habitáculo, para proceder á excarceración da persoa ferida.

Publicidade
A vítima, que presentaba un golpe na cabeza, foi posteriormente evacuada en padiola ata o helicóptero para o seu traslado ao hospital, xa que a ambulancia non podía acceder ao punto.
A actuación finalizou ás 19:37 horas. No operativo participaron tamén efectivos da Garda Civil de Santiago, Protección Civil de Melide, 061 e o equipo do helicóptero H3.
NOTICIA RELACIONADA:
Os Bombeiros de Arzúa rescatan a un home atrapado no seu coche tras caer por un terraplén en Melide: https://www.ecosdacomarca.com/post/os-bombeiros-de-arz%C3%BAa-rescatan-a-un-home-atrapado-no-seu-coche-tras-caer-por-un-terrapl%C3%A9n-en-melide
Comments