Expertos analizan en Lugo os impactos de Altri e esixe nun “non definitivo” á macrocelulosa
- ecosdacomarca

- hace 5 minutos
- 5 Min. de lectura
Patricia Coucheiro chama á “gran manifestación” do 14 de decembro en Compostela demandando o “portazo definitivo”
Ecos da Comarca/A Ulloa
O colectivo Lugo Vivo da Plataforma Ulloa Viva celebrou o martes no salón de actos da Deputación de Lugo a mesa redonda “Desde a Ulloa ata o mar, polas que somos e as que virán”, na que participaron a voceira da Plataforma Ulloa Viva Patricia Coucheiro; Ana Isabel García, coautora dun dos informes do Consello da Cultura Galega sobre o Proxecto Gama, Ana F. Santamariña, vogal de augas e ríos e vicepresidenta de Adega; e Xaquín Rubido, presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA). Moderou a mesa o
químico, Miguel Leiva, representante de Lugo Vivo.
Na mesa redonda a voceira de Ulloa Viva Patricia Coucheiro demandou das administracións “o portazo definitivo á posibilidade de que Altri se instale en Galicia”. Coucheiro puxo en valor a riqueza, o benestar e a calidade de vida das comarcas afectadas polo proxecto da macrocelulosa, unha zona “autosuficiente
economicamente, emprendedora, coidadora do territorio e do patrimonio “tal e como é”. Explicou que ese territorio, os nosos montes e os nosos bosques, estarán o 14 de decembro en Compostela para exixir “un non definitivo e rotundo” ao proxecto de Altri en Palas de Rei.

A voceira de Ulloa Viva alertou de que “non é certo que teñamos a batalla contra Altri gañada” e explicou que “só hai que ver os últimos movementos da empresa co Selo Step da Unión Europea, para saber que a empresa segue pelexando” por instalarse en Palas de Rei. Coucheiro explicou que “non teñen conexión eléctrica, nin auga e de momento tampouco a Autorización Ambiental Integrada (AAI) da Xunta”, pero advertiu que “en ningunha das administracións hai un non rotundo”, polo que chamou á cidadanía galega a “seguir pelexando nas rúas ata que teñamos unha decisión en firme da Xunta, o Estado Español e Bruxelas que nos garanta que a ameaza de Altri sobre as nosas vidas xa non existe”. Mentres iso non aconteza, a Plataforma Ulloa Viva responsabiliza á Xunta de Galicia e ao seu presidente Alfonso Rueda “de ata onde chegue este conflito”.
Altri sería “a pena capital” para a Ría de Arousa
O presidente da PDRA, Xaquín Rubido, explicou en Lugo que “a situación que estamos vivindo na Ría de Arousa xa é unha situación crítica”, segundo dixo “estamos vivindo un momento crucial para o futuro do sector marisqueiro e do mexillón de toda Galiza, porque o centro de gravidade está na Ría de Arousa”. Rubido sinalou que a realidade que está vivindo a Ría de Arousa é xa “moi dura” polo “abandono total das súas competencias por parte da Xunta” e advertiu que “non hai ningún viso de reacción” do goberno galego para “reconducir esta situación”.
Publicidade
Detrás desta “pasividade dolosa por parte da Xunta”, afondou o presidente da PDRA, está “a vontade da Xunta de mudar o modelo produtivo e favorecer que se destrúa o modelo produtivo tradicional e substituílo pola acuicultura industrial e privatizar o mar”. Segundo sinalou Rubido “si a isto lle engadimos colocar unha macrocelulosa na cabeceira do Ulla, cunha contaminación de 65 toneladas diarias de produtos químicos e unha demanda de auga altísima e contaminación térmica de auga a 27 graos”. Isto nos fala dunha “pena capital” para a Ría de Arousa. Construír a celulosa de Altri en Palas “ten un custe”, explicou o presidente da PDRA, que é “sacrificar o conxunto do tecido produtivo da ría de Arousa, o sector agrogandeiro e o Camiño de Santiago”.
Diante desta situación, Xaquín Rubido fixo un “chamamento urxente a toda a sociedade galega a actuar, a tomar decisións que amosen que o pobo galego non queren o modelo de país que nos quere impoñer a Xunta “.
Os impactos socioeconómicos analizados no informe do CCG
Ana Isabel García, coautora dun dos informes do Consello da Cultura Gañega arredor do proxecto Gama, centrou hoxe súa intervención en Lugo no capítulo “Unha aproximación aos impactos socioeconómicos do proxecto Gama”, do informe encargado polo CCG, coordenado por Edelmiro López Iglesias e do que son coautores García Arias, Fernando de la Torre e David Peón. Explicou que “utilizamos como información de base a documentación que a empresa someteu a exposición pública no seu día, así como a Memoria económica xustificativa presentada en novembro dese ano para a solicitude de declaración de Proxecto Industrial Estratéxico en 2022”.
Sinalou García Arias que “escollemos como ámbito territorial de análise as comarcas da contorna: A Ulloa, Terra de Melide, Arzúa e O Deza”, nas que analizaron os produtos elaborados e investimento previsto, os resultados económicos para o período 2025-30 estimando os empregos directos, tamén estimacións realizadas sobre os impactos económicos indirectos, o rol do proxecto na economía galega e os posibles impactos negativos noutras actividades. Lembrou as conclusións do informe técnico, que fala de que a planta produciría unha “grave fractura no territorio” e empregaría a menos traballadores dos anunciados por Altri- Smarttia.
De feito, da análise dos datos da empresa feita pola equipa de expertos da USC para o informe do CCG, conclúe o informe que os 500 postos de traballo directos que promete Altri na primeira fase da implantación serían en realidade entre 161 e 281. Recolle o informe tamén que “os impactos indirectos serán só para empresas situadas fóra de Galicia”, e seu impacto na economía galega sería “moi reducido” que os expertos cifran en 30 céntimos por euro producido, “e só o 25% nas zonas de influencia da factoría”. Neste estudo socioeconómico sobre o Proxecto Gama destacan tamén os expertos a referencia só ao período 2025-2030, porque a empresa “non ofrece proxeccións, compromisos, prazos nin financiamento sobre a segunda fase de implantación da industria”.
Publicidade
Os problemas da captación e as verteduras no Ulla
A vogal de Augas e Ríos e vicepresidenta de Adega, Ana F. Santamariña analizou na súa intervención os impactos do proxecto Gama na bacía do río Ulla. Lembrou que o proxecto da macrocelulosa pretende 46 millóns de litros ao día de auga do encoro de Portodemouros e prevé unha vertedura de fábrica de 30 millóns de litros diarios. Explicou Santamariña que para isto, Altri precisaría 12 quilómetros de tubaxes de captación e 9 quilómetros de vertedura “que atravesarían 517 predios aos que se lles imporía unha servidume de acueduto”, que asegurou “suporía unha serie de privilexios para o promotor”.
A respecto da petición da captación de auga, lembrou Santamariña que “a solicitude da autorización de augas está caducada, xa que a tramitación comezou hai 3 anos, e a lei fixa un prazo de 18 meses máximo para resolver”. Tamén se referiu ás “carencias” do estudo de impacto ambiental, que “non é sólido” e explicou que “non demostra que non vaia existir un impacto significativo sobre as augas”. Concluíu Santamariña afirmando que “a captación de augas e os vertidos comprometerían a viabilidade ecolóxica da bacía do río Ulla”.








Comentarios