top of page

Emotiva e calurosa benvida dos refuxiados ucranianos en Agolada

Chegaron este mércores despois do mediodía tras unha longa viaxe


Laura Moure/IsmaelRS/Agolada

As 14 persoas na entrada do Consistorio recibidos por veciños. AUTOR: ECOS DA COMARCA.

En Agolada xa descansan os14 refuxiados de Ucrania que escaparon do terror dunha guerra que ten asologada o seu país. Son moitas as persoas que decidiron viaxar a este país ou á fronteira con Polonia para poñer a salvo a estes cidadáns. No caso de Agolada, foi o propio alcalde do municipio, Luis Calvo, e o seu irmao Suso os que decidiron emprender esta viaxe para rescatar a esta xente.


Como adiantamos en exclusiva en ECOS DA COMARCA, son 14 as persoas que se refuxarán neste municipio dezá. A metade deles nenos e as demais mulleres. O persoal do Concello traballou incansablemente e a contrarreloxo estes días para ter todo listo para acoller a estas persoas. E incluso, da fachada do Consistorio colga unha bandeira de Ucrania, unha maneira de brindarlles o seu apoio.


Ademais, dende o Concello lanzaron unha campaña de doazón de alimentos, produtos de hixiene e roupa para camas. E a verdade que a resposta da veciñanza foi excelente, onde gran parte dos veciños aportaron o seu graniño de area, tal e como nos conta neste vídeo Andrea Roqueiro, a secretaria do alcalde.

Tras moitas horas de traxecto, porque saíron de alá este luns, chegaron a Agolada este mércores uns minutos despois das 15:30 horas. Na Praza do Concello agardaban veciños e traballadores municipais para darlles a benvida. Unha benvida que estivo marcada polos aplausos e pola emoción, moita emoción, onde as bágoas tamén saltaron á palestra.

Foron baixando ante a atenta miranda dos alí presentes que incluso, algúns deles se acercaron a saudalos e brindarlles o seu apoio. Nestes casos, o idioma non é unha traba, os xestos e as emocións xa falan por si sos. Nas súas caras, tamén nas dos irmáns Calvo, notábase o cansancio de todos estes días de longa viaxe. Unha longa viaxe que nunca quererían facer. Escapan do terror dunha guerra, deixando atrás a súa vida, os seus fogares e aos seus seres queridos e sen saber, cando volverán... Persoas que son compatriotas, pero que non se coñecen, pero que agora serán familia porque ao fin, esta maldita guerra, uniu os seus destinos.


Con estas mulleres, viaxan sete nenos, aos cales lles agardaba uns agasallos para que por uns minutos se esquezan de todo o que viviron en días pasados. Como tamén adiantamos en ECOS DA COMARCA, un destes rapaces precisa asistencia médica porque recentemente foi sometido a unha operación e por iso, tras chegar a Agolada foi atendido no centro de saúde. Sen embargo algún destes rapaces, debido a súa curta idade, non é consciente de toda a dor que traen nas súas mochilas e incluso, algún pequeno aproveitou para brincar cunha das veciñas que o agardaba na Praza do Concello. Bendita inocencia!


Esta veciña, que foi a primeira en presentarse na Praza do Concello para recibilos, é Filucha Miguélez. Neste vídeo cóntanos que leva días chorando, que lle parece unha gran idea que esta xente estea en Agolada e tamén algunha anécdota graciosa que nestes tempos que corren non ben mal rirse dun mesmo. Adiante vídeo!

Ademais de veciños, ata Agolada tamén se acercaron persoas doutros sitios para dar a benvida aos refuxiados, como é o caso de Jesús Zapateiros de Becerreá (Lugo).

Sen dúbida, non importan os cargos, a procedencia, as cores políticas... o importante é sumar esforzos para axudar a quen o precise. Hoxe tocoulles a eles, mañá quen sabe... podemos ser nós.


Agora estas 14 persoas xa descansan nesta localidade, pero coa atenta mirada do que pasa no seu país. De feito, foi chegar e xa intentar poñerse en contacto cos seus para contarlles que por sorte, eles xa están a salvo, pero que a miles de quilómetros, nun pequeno pobo do interior de Galicia, seguen co corazón encollido por todo o que está vivindo o seu país. NON Á GUERRA!


NOTICIA RELACIONADAS:

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page