Desactivado o nivel 2 de emerxencia no lume de Dozón que xa calcinou 400 hectáreas
- ecosdacomarca

- 13 ago 2025
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Dozón
Desde as 14:32 horas de onte martes está activo o incendio forestal do municipio pontevedrés de Dozón, parroquia do Castro, que afecta unha superficie estimada de 400 hectáreas, segundo os últimos datos proporcionados hoxe ás 14:00 horas pola Consellería de Medio Rural.
Publicidade
Neste lume decretouse a Situación 2 como medida preventiva pola súa proximidade ao núcleo de poboación do Castro, unha situación que xa foi desactivada, hoxe, ao mediodía.
Para a súa extinción mobilizáronse ata o momento 4 técnicos, 8 axentes, 20 brigadas, 28 motobombas, 2 pas, 1 unidade técnica de apoio, 5 helicópteros e 4 avións.
Publicidade
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, desprazouse ata O Castro de Dozón para supervisar a evolución do lume que afecta a esta localidade e apoiar á veciñanza. Estivo acompañado polo alcalde, Adolfo Campos, a quen lle trasladou a solidariedade do Goberno de España nestes difíciles momentos, ao tempo que agradeceu o traballo dos equipos de emerxencias e da Garda Civil.

Tal e como informou o Concello sobre as 15:30 hora de hoxe, desde onte "o lume devastou unha extensión de 400 hectáreas, fundamentalmente nas parroquias do Castro e Bidueiros, sendo o lugar de Mizoite de Abaixo un dos máis afectados, xa que as lapas chegaron practicamente á porta das vivendas, se ben non hai que lamentar danos significativos nas casas. Nestes momentos, as motobombas, as brigadas e dous bulldozers están a traballar no triángulo que conforman os lugares de Rebordecovo, Bidueiros e Cubelos para tratar de extinguir o foco que aínda segue activo. Ao mesmo tempo, outros efectivos están a controlar posibles reactivacións do lume en zonas onde xa quedara extinguido".
O alcalde, Adolfo Campos, que esta mañá visitou as distintas áreas afectadas, manifestou que "aínda que a situación vivida onte en zonas como O Castro ou Mizoite de Abaixo foi crítica, afortunadamente non hai que lamentar danos persoais, nin afeccións relevantes a vivendas e explotacións agrarias".
"Quero destacar e agradecer a extraordinaria colaboración de veciños de todo o municipio, xa que acudiron cisternas desde parroquias que non estaban afectadas polo lume. Tamén hai que recoñecerlle o inxente traballo a todos os efectivos mobilizados polo operativo de extinción, incluídos os propios do concello, que sobre todo nos momentos de máxima tensión demostraron a súa profesionalidade para priorizar e garantir a integridade das persoas e evitar a afección do lume ás vivendas", resalta o alcalde.
NOTICIAS RELACIONADAS:
Activo o incendio forestal de Dozón que afecta a unhas 100 hectáreas: https://www.ecosdacomarca.com/post/activo-o-incendio-forestal-de-doz%C3%B3n-que-afecta-a-unhas-100-hect%C3%A1reas
Continúa activo o incendio forestal de Dozón cuxa superfice estimada xa é de 300 hectáreas: https://www.ecosdacomarca.com/post/contin%C3%BAa-activo-o-incendio-forestal-de-doz%C3%B3n-cuxa-superfice-estimada-xa-%C3%A9-de-300-hect%C3%A1reas








Comentarios