Rafael Cuiña incide en que “os modificados feitos polo PP para que a xente non pensase
que era un proxecto do anterior goberno traen estas consecuencias”
Ecos da Comarca/Lalín
O coordinador do grupo municipal de Compromiso por Lalín e candidato á Alcaldía, Rafael Cuiña, anunciou que este mesmo luns solicitará acceso e copia ao expediente das obras da Avenida Xosé Cuiña. CxL cursará esta petición ante os graves problemas que están a ocasionar estas actuacións no acceso a algunhas fincas da zona e que veñen de denunciar a través dos medios de comunicación os seus propietarios.
Cuiña reclámalle “explicacións inmediatas” a Crespo por unha circunstancia que se deriva dos cambios realizados polo PP no proxecto de humanización elaborado polo anterior goberno para a Avenida Xosé Cuiña. Advirte de que se fixeron “importantes modificados no deseño das obras co único obxectivo de que a veciñanza non pensase que era unha iniciativa que se deixou preparada no anterior mandato. É de aí de onde se derivan estes importantes inconvenientes para os propietarios da zona”, sinala Cuiña, quen exculpa desta situación á empresa que está executando as actuacións e que “só fai o que lles mandan dende o Concello”.
O candidato de Compromiso por Lalín tamén relata que “este grupo de veciños e veciñas xa se puxo en contacto comigo hai uns días para explicar a situación e solicitar o meu apoio, co que contan sen lugar a dúbidas”. Nesta liña, Cuiña lémbralle ao goberno de Crespo que “debe respectar os dereitos legais dos propietarios e propietarias, xa que non está en ningún tipo de ditadura bolivariana para facer o que lle pete nas propiedades dos demais”.
NOTICIA RELACIONADA:
O PSOE denuncia o mesmo: https://www.ecosdacomarca.com/post/alba-forno-reclama-que-se-lle-dea-soluci%C3%B3n-%C3%A1s-fincas-dos-afectados-pola-obra-da-avenida-xos%C3%A9-cui%C3%B1a
Comments