Comeza en Silleda a campaña de recollida de plásticos agrícolas
- ecosdacomarca
- 26 oct 2023
- 2 Min. de lectura
A Unidade Móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue estará nesta localidade o vindeiro luns, día 30
Laura Moure/Silleda
Este luns día 23 e ata o venres 27 estarase levando a cabo en Silleda a campaña de recollida de plásticos agrícolas e invernadoiros, un servizo gratuíto para as explotacións do municipio, sendo esta a segunda fase que se fai ao ano. A campaña, organizada dende os departamentos de Medio Ambiente e Medio Rural, que dirixen respectivamente Paula Fernández e Jesús Taboada, está sendo executada por parte do programa Silleda Sostible.
Publicidade
Esta é a décimo sexta edición desta campaña de recollida de plásticos, que se realiza en Silleda dúas veces ao ano, en primavera e no outono. Esta iniciativa, que se realiza en Silleda dende hai xa máis de 15 anos, é todo un éxito, cunha retirada moi significativa destes elementos contaminantes.

Lémbrase tamén que as persoas interesadas en dispoñer deste servizo aínda poden chamar ao número 900 909 744, en horario de 9:00 a 14:00 horas. Deben indicar nome, enderezo, teléfono e ubicación dos plásticos.
Así mesmo, só se recollerán plásticos agrícolas e de invernadoiro, que hai que evitar metelos en sacas big-bag que dificultan o proceso de reciclado e que estes fardos deberán ter a menor suciedade posible. Non poderán conter outras materias impropias como garrafas, fíos de empacar, rodas, tubaxes de PVC, e ser depositados nun lugar libre de obstáculos, coma árbores, maquinaria etc. para facilitar a retirada.
Publicidade
Por outra banda, a Unidade Móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) volve visitará o municipio de Silleda a próxima semana. Así o vindeiro luns 30 a unidade móbil estará en Silleda onde quedará instalada no lugar de costume: na avenida do Parque, xunto á Igrexa.
Publicidade
As persoas que queiran realizar doazóns de sangue poden acudir en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas. O Concello de Silleda e a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue de Galicia amosan o seu agradecemento a todas as persoas que participan nestas campañas, xa que o xesto solidario das doazóns contribúe a mellorar a saúde de moitos doentes.
Comments