COGAMI realiza obras de mellora no centro de Medelo cos fondos procedentes do 0,7% do IRPF
- ecosdacomarca

- 19 nov 2024
- 1 Min. de lectura
Estas actuacións buscan mellorar as condicións e os espazos destinados ás 27 persoas usuarias e 13 profesionais que diariamente empregan neste centro silledense
Ecos da Comarca/Deza
COGAMI vén de concluír as obras de mellora no centro de atención diúrna de Medelo, en Silleda, orientadas a optimizar o espazo e as condicións das 27 persoas usuarias e 13 profesionais que diariamente utilizan estas instalacións. Este centro, ao que acoden persoas dos concellos de A Estrada, Cuntis, Forcarei, Silleda, Vedra e Vila de Cruces, está recoñecido como elemento arquitectónico tradicional e forma parte do inventario do patrimonio cultural de Galicia, polo que a súa conservación é primordial.

Entre as intervencións realizadas, destaca a instalación dun sistema de canalóns para canalizar as augas pluviais e a limpeza e mantemento da cuberta. Tamén se mellorou a iluminación exterior conectando as luminarias á rede eléctrica e adquiriuse un cortacéspede para o coidado do espazo exterior, que supera a hectárea de superficie.
Publicidade
As melloras completáronse coa dotación de novos equipamentos para os obradoiros de cestería e tecidos, actividades clave no centro, que agora conta cun tear con accesorios, mesas de traballo, un futbolín e unha canastra para promover as actividades deportivas. Todas estas actuacións foron posibles cos fondos do 0,7% do IRPF, procedentes das persoas contribuíntes que marcaron o recadro 106 para fins sociais, xestionados pola Xunta de Galicia.







Comentarios