Campos ve as plantas de biometano como “unha solución necesaria e positiva para os gandeiros”
- ecosdacomarca

- hace 2 horas
- 2 Min. de lectura
O presidente da AEDEZA advirte dun “problema serio cos xurros” e salienta que hai explotacións que xa están a recibir penalizacións de ata o 20% das axudas da PAC por unha xestión inadecuada
Ecos da Comarca/Lalín
O presidente da Asociación de Empresari@s de Deza (AEDEZA), David Campos, saiu onte ao paso das afirmacións da plataforma Stop Biometano Deza manifestando que o impulso do sector do biometano e a construción e posta en marcha dunha planta na Comarca de Deza sería “unha solución necesaria e positiva para os gandeiros”. “A día de hoxe, os gandeiros son tan empresarios como calquera outra actividade e, desde un punto de vista puramente empresarial, non podemos autoenganarnos e facer como se non pasara nada, porque xa hai un problema serio cos xurros”, advertiu David Campos, antes de apuntar que en Lalín e noutros municipios da comarca xa hai explotacións gandeiras que están a recibir penalizacións de ata o 20% das axudas da PAC por unha xestión e unha aplicación inadecuada dos xurros.

“Desde a AEDEZA non estamos a valorar ningún proxecto en concreto, porque para iso habería que coñecelo en detalle, pero si temos claro que as directrices que chegan de Europa son moi claras a prol do sector do biometano”, porque encaixa no modelo de desenvolvemento sostible, vinculado ao territorio, xerador de actividade económica e orientado a mellorar a independencia enerxética do país.
PUBLICIDADE
“Persoalmente, penso que arredor do sector do biometano hai moita desinformación, que é o que estamos tratando de corrixir desde a AEDEZA para combater o rexeitamento social puramente baseado en razóns ideolóxicas e políticas, e tamén a demagoxia e os bulos carentes dun mínimo rigor técnico”, indicou o presidente.
“Tamén falta valentía e pedagoxía por parte das administracións públicas, ás que hai que pedirlle que sexan esixentes coas empresas promotoras destes proxectos no cumprimento estrito da normativa, pero que ao mesmo tempo lle brinden máis axilidade na tramitación. Non pode ser que o proceso de desenvolvemento dun proxecto dunha planta de biometano sexa superior aos tres anos, porque o problema dos xurros xa está enriba da mesa a día de hoxe”, argumentou David Campos.
PUBLICIDADE
“A sociedade e os empresarios o que temos que pelexar é que calquera instalación deste tipo de proxectos sexa absolutamente garantista co cumprimento da lei, pero o que non podemos facer é ir contra corrente nun sector que está plenamente implantando en toda Europa e que, afortunadamente, non ten a día de hoxe o mesmo impacto medioambiental que hai 25 anos, porque tamén as tecnoloxías utilizadas fóronse optimizando”, asegurou o presidente da AEDEZA.
O que dixo a plataforma STOP Biometano Deza: https://www.ecosdacomarca.com/post/stop-biometano-deza-patrimonio-cultural-declara-incompatible-a-planta-de-biometano-en-silleda








Comentarios