Stop Biometano Deza: "Patrimonio Cultural declara incompatible a planta de biometano en Silleda"
- ecosdacomarca

- hace 13 horas
- 4 Min. de lectura
A plataforma pide á Asociación de Empresarios do Deza (AED) que retire o seu apoio a iniciativas que cualifican de “destrutivas” para a comarca
Ecos da Comarca/Deza
A información arredor dos proxectos de plantas de biometano na comarca de Deza suma un novo capítulo tras o informe emitido pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural en relación coa instalación prevista no polígono industrial de Silleda. Segundo como informa a Plataforma Stop Biometano Deza, as actuacións proxectadas resultan incompatibles coa protección do patrimonio cultural e coa conservación dos valores do Camiño de Santiago.
O informe sinala que a parcela elixida atópase dentro do ámbito histórico da Vía da Prata ou Camiño Mozárabe, e lembra que a Lei 5/2016 do patrimonio cultural de Galicia establece expresamente a prohibición de instalacións destinadas á xestión de residuos neste espazo. Esta consideración supón un importante obstáculo administrativo para a viabilidade do proxecto.

Paralelamente, á plataforma remitiu un escrito á Asociación de Empresarios do Deza (AED) solicitando que retire o seu apoio a iniciativas que cualifican de “destrutivas” para a comarca. No documento advírtese de posibles prexuízos para sectores clave como o turismo, a hostalaría e os servizos asociados. "Aportamos argumentos sólidos e fundamentados para desenmascarar as falsas promesas da industria do biometano", recalca a plataforma contraria a estes proxectos.
"De manterse o apoio da AED ás macroplantas de metano, os empresarios e a sociedade do Deza deberemos preguntarnos: a quen defende a Asociación de Empresarios do Deza? Ás empresas da comarca ou a fondos de investimento ben relacionados co poder, pero pouco recomendables para o Deza nin para ningunha outra comarca? Sirva como mostra dos potenciais danos desta industria no sector hosteleiro e turístico a gráfica e negativa reseña en Google Maps sobre o pobo de Belinchón, onde está situada unha planta deste tipo: Decidimos dar unha volta pola contorna rural das aforas de Belinchón e sorprendeunos a enorme, pestilente e fumarenta fábrica de lixo. Montañas de lixo,
e charcas de auga cunha cor estraña e cheiro putrefacto".
Ademais, a plataforma apunta que onde a pretenden instalar en Agolada existen nun radio de menos de 2 quilómetros varios establecementos hosteleiros como bares e o Pazo de Eidián (do século XVI), adicado a hospedaxe e restauración, ademais dun proxecto de turismo de natureza, “As Perseidas de Traspenas” cunha capacidade de hospedaxe
para 40 persoas. "Se a planta chegara a instalarse levaría ao fracaso absoluto a estes negocios destruindo máis emprego do que din que vai xerar a planta e impediría
oportunidades de negocio similares. Entre 100.000 toneladas de residuos e turismo de natureza, todo o mundo debería ter claro que elixir. Nos Estados Unidos estas plantas impóñense nas zonas habitadas por hispanos e persoas de cor, agravando a opresión desas comunidades. A AED non debería ser copartícipe da opresión e discriminación da comarca que se supón que ten a obriga de defender", recalca a plataforma.
PUBLICIDADE
Case 3.000 sinaturas contra as macroplantas
A mobilización social tamén se trasladou ao ámbito institucional. "En colaboración coa asociación Ecoloxistas Galicia Atlántica e Verde, presentáronse escritos en todos os concellos do Deza solicitando que empreguen os mecanismos legais dispoñibles para impedir a instalación destas plantas. As solicitudes veñen acompañadas de 2.949 sinaturas en contra da implantación dunha macroplanta de biometano en Agolada ou en calquera outro municipio da comarca". Os promotores da iniciativa aseguran que buscan evidenciar o rexeitamento social cara unha industria que, segundo denuncian, “se disfraza de ecobioverde, pero cheira, enferma, contamina e arruina aos pobos. Consideramos que o grupo de goberno que permita a instalación no seu municipio desta industria perderá, con seguridade, o apoio dunha parte importante da veciñanza e non será algo pasaxeiro, porque os cheiros e a perda de calidade de vida serán permanentes e non o poderemos esquecer NUNCA.”.
Advertencias doutros territorios
A plataforma apoia as súas reivindicacións en testemuñas doutros puntos do Estado onde xa existen instalacións similares. Alcaldes e veciños de localidades de Castela-A Mancha e outras comunidades alertan de problemas como malos cheiros, impacto ambiental, escasa creación de emprego e perda de poboación. Tamén cuestionan os beneficios económicos que estas plantas prometen aos concellos, asegurando que en moitos casos os ingresos son limitados e non compensan os efectos negativos.
PUBLICIDADE
Máis de 100 pobos en toda España están loitando contra esta industria
Lembra que en Galicia xa se desbotaron pola oposición social proxectos deste tipo en Lugo (2 veces: Coeses e Lugaz) e a veciñanza de Antas de Ulla mesmo estaba disposta a comprar os terreos onde pretendían instalar a planta por un alto prezo para evitar que caera nas mans da empresa promotora.
A semana pasada os Concellos da Laracha (PP), Culleredo (PSOE) e Cerceda (PSOE), como outros moitos en todo o país, expresaron a súa preocupación e rexeitamento á planta de metano de Soandres. En multitude de concellos, gobernantes de todo o arco político únense para defender aos seus pobos desta ameaza, porque esto non vai de cores, vai de olores (cheiros), de saúde e do futuro dos pobos.
Chamamento aos gobernos municipais
No seu comunicado, a plataforma fai un chamamento directo aos equipos de goberno locais para que escoiten estas experiencias e actúen con cautela. Advirten de que permitir este tipo de instalacións podería ter consecuencias políticas, ao provocar a perda de apoio veciñal de forma duradeira.
Adxuntamos o comunicado íntegro da plataforma:








Comentarios