Azos Feministas: "Manifestarse sen seguridade en Lalín"
- ecosdacomarca

- hace 19 minutos
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Lalín
A Asociación Azos Feministas convocou, como cada ano, unha manifestación en Lalín polo 8M, Día Internacional da Muller. O colectivo a través dun artigo de opinión lamenta "a falta de seguridade"

ARTIGO DE OPINIÓN
"Manifestarse sen seguridade en Lalín"
"Este domingo volvemos saír á rúa polo 8 de marzo. Fixémolo acompañadas de moitas mulleres e tamén de homes que cren na igualdade. Fixémolo porque pensamos que o Día Internacional da Muller segue sendo necesario e porque Lalín tamén merece levantar a voz por unha sociedade máis xusta.
Pero este ano, igual que noutros anteriores, tamén volvemos sentir algo que nunca debería formar parte dunha manifestación feminista: inseguridade.
A manifestación foi solicitada en tempo e forma, como marca a lei. Comunicouse á Subdelegación do Goberno en Pontevedra e recibimos a correspondente confirmación. Todo estaba feito correctamente. Non era algo improvisado nin inesperado. E aínda así, cando chegamos a rúa non estaba cortada ó tráfico.
Non é a primeira vez que saímos á rúa neste día. Desde Azos Feministas levamos oito anos organizando a manifestación do 8M en Lalín. Oito anos nos que o feminismo sae ás rúas deste pobo para reclamar igualdade.
Oito anos e non son suficientes para que esta mobilización xa forme parte do calendario de todas as institucións.
Custa entender que, despois de tanto tempo, sigamos atopándonos coa mesma situación: sen presenza da Policía Local e sen medidas que garantan a seguridade dunha manifestación que está comunicada previamente.
Publicidade
A situación chegou a ser tan absurda como perigosa. Tanto, que no cruce da rúa Pintor Laxeiro coa Avda. Luis González Taboada, mentres avanzabamos coa manifestación, os coches seguían intentando pasar. Algúns incluso tentaban meterse entre a xente. Nese momento tivemos que facer algo que nunca deberiamos ter que facer: abandonar a propia manifestación para parar o tráfico e chamar á Policía Local. Tivemos que poñer os nosos propios corpos para protexernos e para coidarnos entre nós, facendo de barreira para evitar que os coches pasasen entre a xente.
É difícil explicar o que se sente nese momento. Porque mentres estamos reclamando igualdade e dereitos, tamén nos decatamos de que nin sequera nos sentimos seguras exercendo un dereito democrático básico como é manifestarnos.
Non é unha cuestión menor. Estamos falando da seguridade de decenas de persoas camiñando pola rúa. Estamos falando de evitar riscos innecesarios. Estamos falando de algo tan básico como que unha manifestación comunicada teña o mínimo dispositivo para que se poida desenvolver con normalidade.
O máis triste é que isto non debería sorprender a ninguén. En Lalín levamos oito anos saíndo ás rúas cada 8 de marzo. O feminismo leva oito anos traendo igualdade ao noso pobo. E, con todo, seguimos tendo que preocuparnos por algo tan elemental como non ser atropeladas mentres nos manifestamos.
PUBLICIDADE
Desde Azos Feminista pensamos que é necesario dicilo alto e claro: non é aceptable que unha mobilización comunicada oficialmente se desenvolva sen as mínimas garantías de seguridade.
O 8M é un día de reivindicación. Pero tamén debería ser un día no que as mulleres poidamos ocupar o espazo público con seguridade e con respecto. En Lalín, por desgraza, este domingo non foi así".
Azos Feministas








Comentarios