ANPA: "A Valedora do Pobo pide de novo ao Concello de Melide o informe sobre o profesor de guitarra"
- ecosdacomarca

- 12 feb
- 2 Min. de lectura
"Dende a ANPA queremos expresar a nosa profunda preocupación xa que o alumnado, levan xa case tres cursos consecutivos sen recibir formación nesta especialidade"
Ecos da Comarca/Melide
A ANPA Harmonía do Conservatorio Municipal asegura que a Valedora do Pobo "reclamou por segunda vez ao Concello de Melide o informe sobre a contratación do profesor de guitarra do Conservatorio Municipal de Melide". Esta comunicación prodúcese motivada pola queixa que foi presentada pola dita anpa que solicitou o pasado mes de novembro a intervención da Valedora "debido á falta de solucións por parte da administración local".

"Dende a ANPA queremos expresar a nosa profunda preocupación xa que o alumnado, tanto o matriculado de maneira oficial como aquel que cursa estudos en réxime de matrícula libre, levan xa case tres cursos consecutivos sen recibir formación na especialidade de guitarra, perdendo así oportunidades irrecuperables de aprendizaxe", recalca o colectivo.
Publicidade
Trátase, apunta, "de nen@s e moz@s que viron interrompidos o seu proceso formativo sen que incluso a día de hoxe se lles teña ofrecido unha alternativa nin unha explicación. Esta situación está a ter consecuencias irreversibles, como a perda progresiva de alumnado, o cal se ve obrigado a abandonar os seus estudos ou a desprazarse a outros centros e localidades para poder continuar ou rematar a súa formación musical".
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

Ademais, recalca, que se trata "dunha perda de oportunidades educativas e culturais que danan gravemente o presente e futuro profesional dos nosos fill@s e que consideramos que podería evitarse cunha xestión seria e responsable".
Publicidade
Cabe mencionar que no último pleno municipal, celebrado a pasada semana, o PP levou un rogo sobre esta situación do conservatorio, pedindo que se contrate canto antes profesorado de acordeón e guitarra. Nese rogo, o alcalde, José Manuel Pérez, indicou que ese mesmo día (a pasada semana) lle costestaron á Valedora do Pobo tras a denuncia da ANPA. E salientou que está sendo complicado encontrar docente de guitarra porque ninguén das persoas que forma parte da bolsa de traballo quixo acceder a este posto, moitos por falta de compatibilidade con outros traballos. Adiantou ademais que mantivo unha reunión co inspector e que foi "produtiva porque el é coñecedor da problemática e explicounos varios aspectos". "No caso do profesor de guitarra nós estamos intentando solucionalo canto antes, dentro das nosas posibilidades administrativas", recalcou o rexedor.
Mentres, onte mesmo a ANPA lamentou que "a día de hoxe faltan tres profesores no Conservatorio" e adiantou que "o 23 de febreiro temos unha concentración pacífica diante do Conservatorio ás seis da tarde".
NOTICIA RELACIONADA:
O PP de Melide denuncia "a neglixente xestión do Conservatorio Municipal": https://www.ecosdacomarca.com/post/o-pp-de-melide-denuncia-a-neglixente-xesti%C3%B3n-do-conservatorio-municipal








Comentarios