Alba Forno pide actuar nas beirarrúas da PO-206 ante os problemas de seguridade que provoca a maleza
- ecosdacomarca

- hace 22 minutos
- 2 min de lectura
"O Concello de Lalín actuou no tramo municipal, pero pode esixir á Xunta que faga o
seu traballo no restante para que parte da veciñanza non quede discriminada”, sinala
Ecos da Comarca/Lalín
O Grupo Municipal Socialista de Lalín vén de reclamar unha actuación urxente para solucionar o mal estado que presentan diversos tramos das beirarrúas da estrada PO-206 ao seu paso pola Ermida, Vilar e Carragoso de Arriba, onde a acumulación de vexetación dificulta ou mesmo impide o tránsito peonil en condicións de seguridade.

Os socialistas valoran positivamente os traballos de limpeza realizados recentemente nunha parte desta infraestrutura, pero consideran incomprensible que a actuación quedase incompleta e non se estendese ao conxunto dos tramos afectados, especialmente cando existen zonas nas que a maleza invade por completo a beirarrúa.
A voceira socialista, Alba Forno, advirte de que esta situación está a obrigar a moitos
veciños e veciñas a camiñar pola propia estrada para poder continuar o seu percorrido. “Estamos a falar dunha vía con bastante tránsito de vehículos, polo que non podemos normalizar que os peóns teñan que baixar á calzada porque a vexetación ocupa toda a beirarrúa”, sinala.
PUBLICIDADE
Segundo explica Forno, a problemática non é nova e repítese de maneira recorrente, xerando malestar entre os residentes da zona e unha sensación de abandono difícil de xustificar. Por iso, considera que resulta razoable que, unha vez iniciados os traballos de limpeza, estes se completen na totalidade da infraestrutura.
A portavoz socialista lembra ademais que a PO-206 é unha estrada de titularidade autonómica e, polo tanto, a competencia principal sobre o seu mantemento corresponde á Xunta de Galicia. Porén, subliña que esta circunstancia non pode servir de escusa para manter a situación actual. “Existen outros tramos desta mesma estrada nos que é a propia veciñanza a que realiza labores de limpeza e conservación sen que a Xunta poña ningún impedimento. Se os veciños poden facelo, tamén pode facelo o Concello para resolver un problema evidente de seguridade”, afirma.
PUBLICIDADE
Neste sentido, o PSOE de Lalín considera que o Goberno municipal ten dúas opcións: completar directamente os traballos pendentes ou, se decide non actuar, reclamar con firmeza á Xunta de Galicia que acometa as limpezas necesarias. “Se noutras estradas o Concello non dubida en demandar actuacións á administración correspondente, non se entende que neste caso non se faga o mesmo. Máis aínda cando falamos de administracións gobernadas polo mesmo partido político e que deberían actuar con coordinación para resolver os problemas da veciñanza”, sostén Alba Forno.
A concelleira conclúe reclamando unha solución inmediata para garantir que todas as beirarrúas da PO-206 ao seu paso pola Ermida, Vilar e Carragoso de Arriba poidan ser utilizadas con normalidade e seguridade por parte dos peóns.








Comentarios