Alba Forno: "Despois de máis de 20 días do problema da auga, o Goberno "segue sen explicar que pasou"
A voceira socialista reclama que o Concello explique onde se consumiron os 1,5 millóns de litros aos que aludiu o alcalde e achegue os datos que permitan acreditar esa versión
Ecos da Comarca/Lalín
A voceira do PSdeG-PSOE de Lalín, Alba Forno, esixe ao Goberno municipal que dea explicacións sobre o ocorrido durante a crise de abastecemento que deixou o municipio sen auga durante máis de 24 horas e que, logo de vinte días, continúa sen unha explicación clara por parte do executivo de José Crespo nin da empresa.

Forno considera “inaceptable” que, transcorrido este tempo, o Concello continúe sen aclarar que pasou, que fallou e por que Lalín quedou sen auga, ao tempo que reclama que se fagan públicos os datos que permitan comprobar as explicacións ofrecidas polo alcalde. “Crespo falou dun consumo extraordinario de 1,5 millóns de litros, pero a día de hoxe aínda non explicou onde se consumiu toda esa auga nin achegou os datos que permitan demostrar esa versión”, sinala a voceira socialista, que asegura que “comezamos a dubidar moi seriamente” desa explicación ante a falta de información e transparencia.
PUBLICIDADE
Alba Forno pon tamén o foco nun problema que, segundo lembra, vén de anos atrás: o estado das captacións de auga. Neste sentido, sinala que xa existían informes do ano 2017 que advertían do mal estado das instalacións e consideraban prioritarias actuacións nas captacións de Botos e Pozo Negro. “Estamos falando dun problema que non é novo. Hai informes de hai anos que xa advertían do mal estado das captacións e sinalaban actuacións prioritarias en Botos e no Pozo Negro. O Goberno de Crespo leva oito anos gobernando e non fixo nada ao respecto”, afirma.
A voceira socialista lembra, ademais, a posición mantida polo PSOE no proceso de adxudicación do novo contrato da auga. “O PSOE foi o único grupo que non votou a favor do novo contrato da auga porque advertimos de que faltaban investimentos fundamentais na modernización, na dixitalización e nas propias captacións”, explica Forno.
PUBLICIDADE
Para a socialista, a crise vivida nas últimas semanas pon de manifesto a necesidade de abordar esas carencias e de coñecer se se adoptaron ou non as medidas necesarias para evitar que unha situación semellante poida repetirse. Forno tamén manifesta que o recente cambio na xerencia da empresa responsable do servizo de auga non muda a situación nin serve de xustificación do acontecido. “Cambiar un nome non explica o que pasou”, asegura. “O que queremos saber é por que Lalín quedou sen auga, que fallou e que se vai facer para que isto non volva pasar”.
A voceira do PSdeG-PSOE reclama, polo tanto, información, transparencia e responsabilidades por parte do Goberno municipal. “Máis de vinte días despois, ninguén asumiu responsabilidades. Xa está ben de escusas”, conclúe.









Comentarios