Alba Forno denuncia esperas de 15 días para unha cita no médico de cabeceira en Lalín
- ecosdacomarca

- 14 mar 2024
- 2 min de lectura
Explica que para solicitar receitas actualmente moitos usuarios non dispoñen de ocos
libres
Ecos da Comarca/Lalín
A voceira municipal do PSdeG-PSOE de Lalín, Alba Forno, denuncia listas de espera de 15 días que están a sufrir actualmente moitos veciños e veciñas para poder concertar unha cita co seu médico de cabeceira. Asegura que a situación é “insostible”, indicando que está a provocar que “os cidadáns que teñen recursos vaian á privada, mentres que os que non poden permitirse pagar quedan directamente sen atender coas graves consecuencias que isto pode ter”.

Forno explica, ademais, que no caso de querer solicitar unha cita para expedir receitas “en moitos casos a resposta é directamente que non hai ocos libres”. Sostén que “non podemos normalizar esperas coma estas, cando o normal sempre foi poder acceder a unha cita en atención primaria, como moito, un día ou dous despois de tela solicitado”.
Doutra banda alerta de que as embarazadas teñen que esperar varias semanas para ir á matrona, cuestión que considera “unha barbaridade” máis nun escenario “no que non hai natalidade e se abandonan por completo as xestantes”.
Publicidade
A concelleira expón que “o deterioro da atención primaria en Lalín é paradigmático e un exemplo moi claro das consecuencias de 15 anos de recortes en Sanidade e políticas privatizadoras por parte da Xunta de Feijóo e Rueda”. Nesta liña expresou a súa preocupación polo feito de que os lalinenses desen a confianza nas pasadas eleccións autonómicas a un goberno que provocou que unha cita para ir ao médico se prolongue por máis de dúas semanas e que levou á Sanidade pública á UCI”.
Publicidade
Con todo, explica que “non por iso nos cansaremos de reclamar unha sanidade pública digna para Lalín e de esixir que acudir ao médico de familia non se converta nun pesadelo”.








Comentarios