top of page

Adega: "Fronte á seca, Galiza non precisa máis encoros e si unha xestión da auga máis eficiente"

Ecos da Comarca/Xeral

Adega demanda tanto da Xunta de Galiza como dos concellos medidas que fomenten unha nova cultura da auga responsable e eficiente, priorizando o aforro e o combate ao desbaldimento a novos encoros, transvasamentos e captacións. "Estas medidas deberían complementarse con políticas públicas de protección do recurso, coidado das bacías e restauración dos hábitats higrófilos. Tamén resulta imperativo afortalar a educación ambiental e a corresponsabilidade cidadá para mudarmos o actual paradigma consumista, imprescindíbel nun marco de cambio climático acelerado", recalca.


Algunhas medidas urxentes de loita contra a seca, sinala, que poden solucionar puntualmente a emerxencia, mais non o problema de fondo. "Debemos actuar con visión de futuro por unha Nova Cultura da Auga, algo que no noso país aínda non ten calado na cidadanía nen tampouco nas administracións".Adega demanda da Xunta e dos concellos "algo máis que medidas populistas e parcheos en forma de máis encoros, transvasamentos e captacións. Estas medidas, aliás de pouco efectivas, son só unha fuxida cara adiante para eludir temporalmente o problema, á espera da choiva. Compren xa que logo medidas estruturais que garantan unha xestión sustentábel da auga".

Fala de programas a medio-longo prazo que permitan reducir o actual abuso no consumo e diminuir a contaminación, especialmente a derivada dos usos humanos.


Algunhas reflexións para fuxir de discursos populistas e curtopracistas

-ENCOROS: "Os encoros repercuten negativamente na saúde dos ríos, e moitas veces son os principais causantes do seu deterioro, así como das rías nas que desembocan xa que impiden o aporte de sedimentos. A maioría dos sistemas encorados non están nun bo estado ecolóxico, e aumentar a presión con novas infraestruturas pode acabar degradando definitivamente toda a bacía, prexudicando os usos futuros. Hai numerosos exemplos de encoros que remataron convertíndose nun problema, mesmo de saúde pública: Encoro da Baxe en Caldas (Umia), encoro das Cunchas no Limia..."

-USOS INDUSTRIAIS: Determinadas industrias, apunta Adega, "teñen un alto consumo de auga, facendo preciso realizar captacións propias que deterioran os ecosistemas fluviais e fosilizan enormes cantidades de recursos hídricos nos seus procesos, aliás de degradar as bacías receptoras cos seus vertidos contaminantes. É o caso de fatorías como as de ENCE, ALTRI... Seguir promovendo este modelo industrial e entregándolle enormes recursos hídricos mediante concesións ou bonificacións, é suicida".

-MODELO FORESTAL: O modelo forestal, sinala, "baseado no monocultivo do eucalipto ten unha enorme influencia na dispoñibilidade do recurso auga. Inflúe tamén na capacidade de retención de auga por parte dos solos, diminuíndoa e aumentando o potencial erosivo. Seguir fomentando este modelo no actual contexto de mudanza climática é seguir apostando forte por agravar as secas e os incendios".

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

-MODELO AGROGANDEIRO: Tamén apunta que "a intensivización do sector, con macrogranxas e uso masivo de agrotóxicos, consome enormes cantidades de auga que devolve cunha alta carga contaminante. Bacías hidrográficas enteiras en áreas cunha alta concentración de explotacións (Limia, Deza, etc.) amosan preocupantes níveis de nitratos con encoros eutrofizados practicamente todo o ano. E a Xunta leva 26 anos desouvindo as obrigas da Directiva de Nitratos...".


-HÁBITATS HIGRÓFILOS: O deterioro progresivo dos hábitats higrófilos como turbeiras, brañas e humidais en xeral, promovendo ou autorizando proxectos agresivos en zonas sensíbeis como parques eólicos, recheos e outras infraestruturas, ou simplesmente por desleixo, explica que "reduce drasticamente a capacidade de captación e regulación e a dispoñibilidade do recurso auga. Protexer estes hábitats para garantir os servizos ecosistémicos que nos prestan resulta imperativo".


Principios para unha xestión máis racional da auga

CORRESPONSABILIDADE NA XESTIÓN: Tendo en conta o principio de responsabilidade compartida, subliña que as administracións públicas "non poden renunciar a xestionar este ben limitado con estritos criterios de eficiencia e interese público. A Lei 9/2019 de medidas de garantía do abastecemento nos episodios de seca e nas situacións de risco sanitario, permite impoñer medidas de aforro e eficiencia obrigatorias: restricións de usos, reasignación dos recursos dos aproveitamentos hidroeléctricos cara o abastecemento humano, suspender outorgamentos e concesións. A Xunta debería sancionar con multas exemplares o desbaldimento, suprimindo privilexios empresariais con especial fincapé nos grandes consumidores, como é o caso de ENCE. Dende os concellos, pódense promover ordenanzas que obriguen tanto á veciñanza como ás e empresas a unha xestión responsábel tanto no consumo como na depuración de augas. E habería que considerar tamén a capacidade de subministro dos concellos en termos de capacidade de carga: non admitir máis poboación (particularmente a flotante, que coincide co verán e cunha menor dispoñibilidade do recurso) se non conta con recursos ordinarios para abastecela".


AFORRO E A EFICIENCIA ANTES QUE ENCOROS, TRASNVASAMENTOS E CAPTACIÓNS: Como en toda xestión de recursos, apunta Adega que "o prioritario son as medidas de aforro e eficiencia. En Galiza (datos do INE 2024) as perdas na rede de subministro atinxiron nese ano o 28%, fronte á media estatal do 22%, estando algúns concellos como o de Vigo, que reclama máis encoros, por riba desas cifras. Reducir esta porcentaxe debería ser prioritario. Así que antes de promover novos encoros, transvasamentos ou captacións, débese coñecer o potencial de aforro especificado por sectores (doméstico, industrial, servizos, administración pública, etc.) e adoptar as medidas precisas para reducir perdas e garantir a eficiencia no uso".

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

XERALIZACIÓN DAS TECNOLOXÍAS E PRÁCTICAS AFORRADORAS: "Sen agardar ás épocas de seca, administracións, empresas e usuarios/as deberían adoptar prácticas eficientes e instalar obrigatoriamente tecnoloxías aforradoras. Os concellos, por exemplo, non deberían dar licenzas de novas construccións ou actividades que non apliquen métodos e tecnoloxías eficientes. Sistemas para reutilizar a auga da choiva ou incluso as augas grises; evitar o uso de auga potábel para baldeo ou rega, mudando o modelo de xardinería actual de herba verde todo o ano por outro con especies autóctonas de baixa demanda hídrica; instalar aparellos economizadores nos fogares e electrodomésticos eficientes, promovendo o seu correcto uso; así como unha política tarifaria progresiva que penalice o desbaldimento e suprima as bonificacións aos grandes consumidores".


EDUCACIÓN AMBIENTAL: "Para mudarmos o actual paradigma consumista e irresponsábel e camiñarmos cara unha nova cultura da auga, resulta imprescindíbel apostar pola Educación Ambiental a todos os níveis e non só no contexto escolar. Sen campañas ambiciosas e continuadas no tempo é imposíbel garantir o éxito de calquera medida de xestión. Informar a cidadanía, facela partícipe dos problemas e do traballo a desenvolver para resolvelos, así como reforzar positivamente os logros acadados é algo que debe levarse a cabo paralelamente á aplicación das medidas de xestión".

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page