top of page

Abel Losada apela en Rodeiro á responsabilidade compartida para frear os atropelos mortais

O subdelegado do Goberno participou en Camba nunha nova xornada da campaña de prevención impulsada pola DXT, a Subdelegación do Goberno e a Garda Civil


Laura Moure/Rodeiro

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, participou este venres en Rodeiro nunha nova xornada da campaña de educación e prevención de atropelos promovida pola Subdelegación do Goberno, a Xefatura Provincial de Tráfico e a Garda Civil, coa colaboración do Concello de Rodeiro.


No acto participaron tamén a xefa provincial de Tráfico, Paula Yubero; o alcalde en funcións, Alberte Lamazares; a concelleira de Cultura, Xulia da Cal; o concelleiro de Obras e Servizos, Manuel Deza; representantes da Garda Civil e veciños e veciñas do municipio que asistiron á sesión formativa.

Durante a xornada repartíronse chalecos reflectores entre as persoas participantes e desenvolveuse unha sesión informativa centrada nos principais consellos de seguridade para peóns e condutores, facendo especial fincapé na protección das persoas maiores e na prevención dos atropelos.


Abel Losada agradeceu ao Concello de Rodeiro a súa implicación na organización da actividade e incidiu na necesidade de sumar esforzos entre administracións, corpos de seguridade e cidadanía para reforzar a prevención e mellorar a seguridade das persoas máis vulnerables nas estradas.


Os datos provisionais da Dirección Xeral de Tráfico reflicten unha especial incidencia dos atropelos mortais na sinistralidade viaria da provincia de Pontevedra durante o ano 2026. Ata o momento rexistráronse 13 sinistros mortais nas vías interurbanas da provincia que causaron o falecemento de 13 persoas. Delas, oito eran peóns atropelados, unha cifra que xa supera amplamente os rexistros anuais dos últimos anos.

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

Os atropelos mortais representan máis do 60 % dos falecementos rexistrados nas estradas interurbanas da provincia no que vai de ano. Ademais, a análise dos sinistros mostra que a maioría das vítimas mortais por atropelo eran persoas de idade avanzada. Das oito persoas falecidas por esta causa en 2026, sete tiñan máis de 75 anos.

Ante estes datos, a Dirección Xeral de Tráfico insiste na necesidade de extremar as precaucións tanto por parte dos condutores como dos peóns, especialmente nos desprazamentos por vías interurbanas e nos tramos con menor visibilidade, así como na importancia do uso de elementos reflectores durante as horas nocturnas ou en condicións meteorolóxicas adversas.


A campaña continuará desenvolvéndose nos vindeiros meses en diferentes concellos da provincia co obxectivo de reducir a sinistralidade e reforzar a cultura da prevención entre a cidadanía, especialmente entre as persoas maiores.


Pola súa banda, o alcalde en funcións de Rodeiro, Alberte Lamazares, sinalou que "esta actividade adquire unha especial importancia nun momento no que a seguridade viaria debe seguir sendo unha prioridade compartida por toda a sociedade, especialmente para a protección das persoas máis vulnerables. A prevención, a información e a formación son ferramentas fundamentais para reducir riscos e fomentar hábitos seguros nos desprazamentos diarios".

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe e contacta con nós!
Preme na imaxe e contacta con nós!

"Desde o Concello de Rodeiro queremos expresar o noso sincero agradecemento a Abel Losada, subdelegado do Goberno en Pontevedra; á Xefatura da Subdelegación do Goberno; aos responsables da Garda Civil; e a Carlos Rivero, representante da Dirección Xeral de Tráfico (DGT), pola súa presenza, colaboración e compromiso coa promoción da seguridade viaria no noso municipio", salienta.


Alberte Lamazares quixo  trasladar tamén unha mensaxe de recordo e solidariedade á familia e achegados da veciña falecida no recente accidente ocorrido no municipio (https://www.ecosdacomarca.com/post/unha-muller-falece-tras-ser-atropelada-en-rodeiro), reafirmando o compromiso de seguir impulsando accións de sensibilización, prevención e educación viaria que contribúan a construír un Rodeiro máis seguro para todos.


NOTICIA RELACIONADA:

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page