O Concello de Rodeiro xunto coa DXT organizan para o día 19 unha charla centrada na seguridade viaria
- Laura Moure

- 18 jun
- 2 min de lectura
Abordará a actualización das normas de circulación, a prevención de distraccións, os hábitos de condución responsable e a importancia de manter unha boa saúde física e cognitiva
Laura Moure/Rodeiro
O Concello de Rodeiro continúa reforzando o seu compromiso co benestar das persoas maiores mediante o impulso de iniciativas que favorecen a súa autonomía, participación social e calidade de vida. Dentro desta aposta por construír un municipio máis inclusivo e amigable coa terceira idade, o vindeiro 19 de xuño, ás 11:00 horas, celebrarase no parque situado detrás da Casa do Concello a charla “Maiores, activos e seguros”, centrada na seguridade viaria e na prevención de riscos na mobilidade diaria.
A actividade, desenvolvida en colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico (DXT), permitirá ás persoas asistentes coñecer recomendacións e pautas prácticas para desprazarse con maior seguridade, tanto como condutores e condutoras como peóns ou usuarios do transporte público. A sesión abordará cuestións relacionadas coa actualización das normas de circulación, a prevención de distraccións, os hábitos de condución responsable e a importancia de manter unha boa saúde física e cognitiva para conservar a independencia persoal.

As concelleiras Begoña Vázquez e Xulia Dacal destacaron a importancia de promover iniciativas que contribúan a mellorar a calidade de vida da veciñanza de maior idade e reforcen a súa autonomía. Neste sentido, subliñaron que esta actividade forma parte da liña de traballo que o Concello vén desenvolvendo para fomentar o envellecemento activo e a participación social.
“Desde o Concello seguimos traballando para ofrecer ás persoas maiores actividades útiles e participativas que contribúan a reforzar a súa autonomía, a súa seguridade e a súa calidade de vida. Queremos que sigan sendo unha parte activa e fundamental da nosa comunidade”, sinalaron.
PUBLICIDADE
A charla constitúe tamén unha oportunidade para fomentar hábitos responsables e concienciar sobre a importancia da seguridade viaria en todas as etapas da vida, contribuíndo á creación dunha contorna máis segura para toda a veciñanza.
Como complemento á actividade, todas as persoas asistentes recibirán un chaleco reflector, un elemento de gran utilidade para aumentar a visibilidade e reducir os riscos nos desprazamentos, especialmente durante as primeiras e últimas horas do día.
PUBLICIDADE
Con accións como esta, o Concello de Rodeiro reafirma a súa aposta por políticas públicas centradas nas persoas, impulsando programas que favorecen o envellecemento activo, a prevención, a saúde e a participación social, co propósito de seguir construíndo un concello máis accesible, seguro e comprometido co benestar da súa veciñanza.








Comentarios