A Xunta inicia as obras de mellora do firme na estrada PO-905, no treito de Vila de Cruces a Portodemouros
- ecosdacomarca
- 20 sept 2024
- 2 Min. de lectura
Esta actuación forma parte dun contrato máis amplo, que inclúe tamén o acondicionamento da estrada PO-206, cun investimento de máis de 2,6M€
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
A Xunta ven de iniciar esta semana as obras de mellora do firme na estrada PO-905, no punto quilométrico 2+800, no treito de Vila de Cruces e Portodemouros. Esta actuación, forma parte dun contrato máis amplo de acondicionamento desta estrada autonómica, no que tamén se inclúen as obras de mellora da PO-206, ao seu paso polos concellos de Vila de Cruces e de Lalín, cun investimento de máis de 2,6 M€.

Trátase así de executar a renovación do firme da calzada nalgúns dos treitos da PO-206, entre os puntos quilométricos 0 e 16+310; e na estrada PO-905 entre os quilómetros 0 e 4+500, mellorando as súas características actuais. Os traballos contan cun prazo de 9 meses e a lonxitude total da actuación rolda os 21 quilómetros.
En concreto, a intervención que se ven de iniciar na PO-905, comprenderá o tramo inicial desta estrada, de 4,5 quilómetros, que atravesa o concello de Vila de Cruces. No caso das actuacións previstas na PO-206, se inclúe o treito inicial da estrada no tramo de algo máis de 16,3 quilómetros no seu percorrido polo municipio de Lalín, ata o quilómetro 13+420.
Publicidade
As obras centraranse na reparación do firme mediante fresado e reposición das zonas localizadas que se atopen deterioradas e a aplicación dunha nova capa de rodaxe ou microaglomerado nalgúns treitos nos que sexa preciso.
Como complemento a estes traballos, reporanse as marcas viarias, símbolos e cebreados en todo o treito das actuacións na PO-206 e na PO-905 e procederase á colocación de elementos de balizamento e reposición de captafaros.
Publicidade
O Goberno galego continúa a traballar para manter as vías de titularidade da Xunta nas mellores condicións e para garantir a seguridade viaria aos usuarios, destinando o vindeiro ano 53 M€ á súa conservación.
Comments