A Xunta impulsa o produto artesán galego nunha nova edición de ‘Artesanía de Galicia en Merza’
Laura Moure/Vila de Cruces
A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou este sábado o evento Artesanía de Galicia en Merza (Vila de Cruces) correspondente ao mes de xuño e centrado na comercialización do produto artesán galego e na consolidación da marca Artesanía de Galicia. Esta iniciativa consiste nun programa de feiras de carácter mensual, que se están a celebrar dende o mes de abril, e está impulsada pola Xunta de Galicia en colaboración co obradoiro Eferro, no seu espazo de actividades culturais e lúdicas en Merza (Vila de Cruces), denominado eferroGhalpón.

PUBLICIDADE
Nesta edición do mes de xuño participan dez obradoiros inscritos en Artesanía de Galicia e especializados nos ámbitos da xoiería, da cerámica, da bixutería, dos sombreiros, da estampaxe, do bordado ao aire, do téxtil e dos complementos de moda. En concreto, participan como expositores Amor ó teu estampaxe artesanal (Ames), Belitroque (Lugo), Caldeiro Cerámica (Maceda), Casperlota Atelier (Paderne), Julia Vilariño (Pontedeume), Kinga Haudek (Santiago de Compostela), Marearte (Lalín), María Aba (Ourense), Obradoiro Hedra (Vilaboa) e Zeltia ao aire (A Coruña).
PUBLICIDADE
O horario de apertura da feira é sempre de 11:00 a 15:00 e de 16:00 a 20:00 horas. Nese mesmo horario, o pasado sábado impartiuse un obradoiro sobre pintura en madeira, gratuíto e aberto a todos os públicos, que imparte Leonor Díaz do obradoiro Como pez en el agua. A programación da feira completouse con música de Faíscas da Pontraga e tamén houbo un posto de comidas a cargo de Fartura.









Comentarios