A Xunta abre hoxe o prazo para apuntarse en 16 novos cursos de xuventude e voluntariado
- ecosdacomarca

- hace 56 minutos
- 2 Min. de lectura
A formación aborda aspectos como o uso da intelixencia artificial, a educación emocional, a iniciación aos deportes náuticos ou as habilidades sociais
Ecos da Comarca/Xeral
A Xunta de Galicia abre hoxe, luns, o prazo para apuntarse en 16 novos cursos destinados a persoas maiores de 16 anos interesados en adquirir formación especializada tanto en acción voluntaria como en asociacionismo xuvenil. Trátase dunha iniciativa impulsada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude cuxas solicitudes para participar na primeira quenda, que se celebrará entre os meses de marzo e xuño, poderán facerse a partir das 9:00 horas no campus en liña habilitado na web de Voluntariado Galego.

Esta formación, que no seu conxunto para todo o ano ofrece un total de 1920 prazas, divídese nas áreas de voluntariado e xuventude. Así, no relativo á voluntariado, a iniciativa está dirixida tanto ao persoal técnico das entidades como ás persoas voluntarias e inclúe contidos de formación básica en aspectos como o uso da intelixencia artificial, a educación emocional, as habilidades sociais o apoio psicosocial ou as actividades ambientais.
Publicidade
No relativo ás formacións específicas para o ámbito da xuventude, as actividades están destinadas a profesionais do lecer educativo e tempo libre, ao persoal técnico que traballa coa mocidade e aos propios mozos e mozas entre os 16 e os 30 anos. Entre as temáticas que abordarán destacan os contidos sobre deportes náuticos, comunicación, oratoria e resolución de conflitos. Así mesmo, tratarase a aplicación da intelixencia artificial, a inclusión no lecer ou a formación das persoas delegadas de protección da infancia e da adolescencia.
Cómpre lembrar que as prazas serán asignadas por rigoroso orde de inscrición e que para participar é necesario contar cunha conta de usuario na plataforma de teleformación da web de Voluntariado Galego.
PUBLICIDADE
Os cursos de voluntariado e xuventude enmárcanse no Plan de Formación impulsado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude que este 2026 inclúe un total de 27 cursos e 1920 prazas, o que supón un incremento de preto do 7% en relación ao pasado ano. Trátase de 4 cursos presenciais, 19 en liña e 4 en modalidade mixta que contarán cunha segunda quenda entre os meses de setembro e decembro.








Comentarios