Azos Feministas escribe un artigo sobre este tema
Azos Feministas/Lalín
Artigo de opinión
Compartimos en ECOS DA COMARCA este artigo de opinión que nos enviou Azos Feministas sobre a trata de persoas en Lalín.
A trata de persoas en Lalín: investiguen!!!!
"Desde Azos Feministas vimos de reunirnos coa directiva de Carabelo nestes días para mostrar o noso apoio e tratar de comprender "mellor" a denuncia pública realizada polo colectivo en relación á trata de persoas. Admiramos o traballo de Carabelo, o colectivo de Lalín máis comprometido coa inclusión da población vulnerable, especialmente nenas e mulleres migrantes.
Estamos preocupadas polos feitos constatados de que hai nenas e mulleres maltratadas e
acosadas de forma persistente na nosa vila.
Estamos indignadas e avergoñadas de que se estea a permitir que persoas migrantes que
buscaban unha vida mellor estean sendo abusadas e denigradas, baixo ameaza e coacción desde unha mafia que fai que vivir en Lalín sexa un pesadelo aínda maior que antes de migrar.
Estamos asustadas tamén, moito, porque soa incrible que a semente en Lalín dunha mafia/banda/clan, como queiramos chamarlle, non conte con contactos, apoio e connivencia de máis persoas. Convencernos de que isto é "cousa" dunhas poucas mentes crueis de orixe estranxeiro de forma illada, o único que fará é alimentar o odio cara á comunidade magrebí.
Vimos de ler nas noticias como se tratou de quitar importancia desde o noso goberno local aos feitos. Nos titulares dos xornais menciónanse "irregularidades" no padrón de habitantes e novamente bótanse balóns fóra para investigalo "porque aquí non hai competencias". No xornal lemos hoxe (por onte) que a Subdelegación do Goberno indica que si hai competencias municipais e que si se abordou este tema no pasado en Lalín nunha xuntanza co Concello.
Publicidade
O grave é que hai veciñanza de Lalín sufrindo e ata que non se investigue a fondo non se porá freo á situación.
Veciñas e veciños de Lalín: estannos a alertar de que na nosa contorna hai persoas en situación de gran indefensión. Tememos que exista unha rede de persoas con poder que permite e alenta moitos delitos, máis aló do empadroamento indebido. E quizais non saberemos nunca nin a décima parte do que está a suceder, pero si confiamos plenamente no testemuño de persoas que defenden a vida e os dereitos humanos de familias vulnerables, migrantes, honradas, e están a denunciar que en Lalín hai trata de persoas.
Vir doutros contextos culturais e xeográficos non debe impedir ter dereito a ser feliz e a contar coas mesmas oportunidades que calquera das privilexiadas que escribimos este texto. Todo o noso apoio ás familias que sofren o acoso de delincuentes e a pasividade da nosa sociedade e institucións ante tan cruel situación.
Quen pode ter interese en que non se poña fin a tal violación dos dereitos humanos?
Publicidade
Desde Azos Feministas esiximos que se investigue. E ofrecemos o noso apoio a Carabelo e ás vítimas desta rede de xente con poder que non respecta o dereito a unha vida digna.
Comparte e contribúe a espallar esta información".
Comentários