Ecos da Comarca/Silleda
A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, escribe esta columna de agradecemento pola Romaría da Rapazada celebrada o pasado domingo en Siador.
A ROMARÍA DA RAPAZADA FOI A ROMARÍA DA XENTE
"Cando a xente se xunta, conséguense cousas incríbles. E iso foi o que pasou este domingo na Romaría da Rapazada. A colaboración e o traballo dun gran número de colectivos fixo desta festa algo único. A sustentabilidade, a igualdade, diversidade, creatividade e as tradición foron os eixos de xogos e espectáculos, e a todos eles queremos agradecerlles o seu compromiso.
Ás Anpas do municipio (Brincadeira, Musiquiños e Raparigos), que dende o minuto un entenderon a importancia da colaboración cidadá para que esta celebración funcione ano tras ano, e non só crearon uns fantásticos obradoiros circenses e musicais, senón que tamén xestionaron o bar no que as persoas asistentes puidemos refrescarnos.
Á Fundación Roberto Rivas, que volveu demostrar o seu compromiso con este pobo, ofrecendo unha marabillosa actuación cun contido medioambiental clave para crear conciencia entre a rapazada.
Publicidade
Ao Museo do Campo e a Mecanización que, abrindo as súas portas para que os coñezamos mellor, prestáronnnos un dos seus tractores Barreiros, que cautivou a atención dos máis novos.
A Recycling, con quen aprendemos que a solidariedade ben entendida é importante para unha sociedade xusta, e que é fantástico usar as bicicletas e patinetes reciclados que van facer moi felices a outros rapaces noutros países.
A Aupadeza, que nos axudaron a crear bolboretas de cores cas que nos ensinaron que todas as persoas somos diferentes. A entender que sempre temos que por unhas gafas azuis para ver a vida doutra cor.
A Cogami, que co seu posto de artesanía fabricada polas persoas usuarias de Medelo nos demostran que as cousas son aínda máis fermosas cando se elaboran con paixón.

Á Policía Local, que ca súa entrada no recinto cas sereas postas xerou unha expectación que acabou convertida nun subir e baixar dos vehículos policiais.
Ao CIM, que se desprazou ata a Romaría para ofrecer lecturas pola igualdade entre homes e mulleres, e material divulgativo. Para crear conciencia e unha sociedade máis xusta.
A Máis que danza, que amosaron as coreografías que aprenden nas clases, pero tamén nos agasallaron con outra deseñada e ensaiada polas mesmas alumnas durante a propia festa.
A Agustín Crespo, por esa marabillosa organización dunha carreira de orientación na que participaron nada menos que 30 equipas e percorreron o fermoso entorno natural do santuario de Siador.
E sobre todo, Grazas a esas persoas voluntarias: Mencía, Nico, Alba, Nadia, Mario, Leyla, Teo e Izan, que nos axudaron a voltar ás orixes da Romaría coordinando xogos interxeracionais coma o tiro á corda, as carreiras de sacos, o brilé ou o xogo do pano, que fixeron xogar a familias enteiras nestes tempos nos que as novas tecnoloxías nos aillan a todos; tempos tamén nos que o fácil é ter xogos nos que a rapazada se entretén mentras as persoas adultas simplemente miran.
Publicidade
E grazas aos Pais Saletinos, por cedernos as súas instalación, a Mari Carmen, por facernos sempre un oco, a Gerardo por prestarnos ferramenta cando a nosa rompeu facendo os campos de xogo… Foron tantas as persoas que nos axudaron e que axudan a crear sociedade…
E GRAZAS por suposto a todas as persoas que acudistes a Siador, pese a que o día amenceu moi desapacible. Só agardamos que disfrutarades tanto coma nós.
Vémonos en 2025!
Paula Fernández Pena,
alcaldesa de Silleda
Comments