Trasladaron aos grupos a “oposición veciñal” e anunciaron “un novo golpe na mesa” coa manifestación do 26 de maio
Ecos da Comarca/Xeral
A delegación da Plataforma Ulloa Viva que visitou este martes o Congreso dos Deputados, en Madrid, constatou o “apoio” das forzas da esquerda contra o proxecto da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei (A Ulloa). A presidenta de Ulloa Viva, Marta Gontá, a produtora agrogandeira de Traloagro, Isabelle Gómez, e a presidenta das Mariscadoras a Pé da Ría de Arousa, María Porto, tiveron en Madrid unha intensa xornada de reunións con 9 grupos parlamentarios. A valoración dos encontros foi “positiva” e dende a plataforma "consideramos cumprido o obxectivo de“trasladarlles a nosa posición coma veciñas, e anunciarlles que o 26 de maio daremos outro golpe na mesa coa manifestación en Palas de Rei".
PNV e Bildu, os primeiros encontros no Congreso da delegación da Plataforma, coincidiron en cualificar coma “unha aberración” o proxecto da macrocelulosa de Altri e amosaron o seu apoio á Plataforma nas iniciativas en contra que se presenten nas institucións onde están representados. Os deputados de Sumar Manuel Lago e Verónica Martínez tamén expresaron á delegación de Ulloa Viva o seu apoio e amosaron ademais disposición para tentar un encontro cos ministerios competentes en Madrid, para que reciban tamén información da veciñanza
afectada.
Publicidade
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reiterou á Plataforma o posicionamento da súa formación “totalmente en contra” da macrocelulosa de Altri, e avanzou á delegación de Ulloa Viva que o BNG seguirá a presentar iniciativas neste senso nas institucións onde está representado. Así, Rego avanzou que a vindeira semana debatiráse sobre este tema no Senado e tamén no Parlamento Galego, e asegurou ademais a Ulloa Viva que os nacionalistas estarán “atentos” aos fondos aeuropeos dos que Altri quere captar 250 millóns de euros para este proxecto en Palas de Rei.
Tamén o PP recibíu á Plataforma no Congreso, aínda que a cita estaba concertada co voceiro na Comisión de Economía e exconselleiro da Xunta, Francisco Conde, as tres representantes de Ulloa Viva finalmente tiveron a reunión con sete deputados do PP, que tentaron trasladar á plataforma “tranquilidade” asegurando que "ningún proxecto sairá adiante se non cumpre coa normativa". Pola súa banda, a Plataforma criticoulle ao exconselleiro de Economía e Industria da Xunta de Galicia, Francisco Conde, que o goberno galego concedera ao proxecto de Altri o 29 de decembro de 2022 a consideración de Proxecto Industrial Estratético “sen ter sequera a empresa presentado e feito un Estudo de Impacto Ambiental”. O PP pola súa banda advertíu á Plataforma a respecto das informacións que están a saír sobre os impactos de Altri, asegurando que xa hai técnicos da Xunta que van a avaliar o proxecto e as alegacións, pero sen dar máis información ou datos ao respecto.
Publicidade
O PSOE pola súa banda trasladou tamén o seu apoio á Plataforma explicando que van estar “moi vixiantes” ao respecto, pero deixaron claro que as competencias na tramitación ata o de agora están na Xunta de Galicia. Aseguraron que estarán “dispoñibles e atentos” e que se o proxecto da macrocelulosa non cumpre non terá fondos de ningún ministerio do Estado.
コメント