Atribúeselles a unha empresa de transformación de carne desta localidade
Ecos da Comarca/Lalín
O día 14 do pasado mes de abril o SEPRONA da Garda Civil de Lalín recibe unha denuncia interposta pola Concellería de Medio Ambiente do Concello de Lalín, na que se informa da aparición de sacos de 25 quilos de metabisulfito, depositados en distintos contedores de recollida de residuos sólidos urbanos. Iniciadas as indagacións por axentes do Servizo de Protección da Natureza de Lalín, localízase a algúns veciños que manifestan que en días anteriores, observaron a unhas persoas descargando desde un camión frigorífico uns sacos de cor branca, sen que se poida identificar o vehículo.
Inspeccionados os sacos retirados polos servizos municipais da vía pública, e a través da información contida nos mesmos, trátase de sacos de metabisulfito, o nome da empresa fabricante e número de lote, datos necesarios para chegar a determinar a rastrexabilidade do produto. O metabisulfito sódico E223 é un conservante que se usa para protexer os alimentos facilitando a súa conservación, ao inhibir o crecemento de bacterias e mofo, ademais previr encimas e evitar a súa decoloración. En panadería utilízase para mellorar a capacidade de amasado do pan.
Publicidade
A información facilitada polo Servizo de Inspectores do SERGAS, leva aos axentes do SEPRONA ás instalacións dunha empresa situada en Lalín de transformación de carne, localizando no seu interior o mesmo produto conservante e de igual fabricante, ademais dun camión frigorífico do mesma cor e características, que coincide cos datos achegados polas testemuñas das verteduras. A vertedura e depósito incontrolado deste produto ascende a 72 sacos, o que supón un total de 1.800 quilos de metabisulfito sódico.
Publicidade
A empresa responsable deberá xestionar a recollida dos sacos e facer entrega dos mesmos a un xestor autorizado para tratar este tipo de produtos. Polos feitos cursarase unha denuncia remitida á Consellería de Medio Ambiente da Xunta, por incumprimento á Lei de Residuos.
Comments