top of page

A Fiscalía pide 2 anos de prisión para os propietarios da mina de Touro

Ecoloxistas en Acción e a Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non solicitan á Xunta que retire ao proxecto da reapertura desta a condición de interés estratéxico e proceda ao seu arquivo


Ecos da Comarca/Touro

A Fiscalía ven de notificar a Ecoloxistas en Acción que vai solicitar a imposición de penas de 2 anos de cárcere e inhabilitación especial para o exercicio de calquera actividade relacionada con actividades mineiras e extractivas aos propietarios e administradores da mina de Touro por presuntos delitos contra o medio ambiente. "Delitos consistentes nas verteduras con altas concentracións de metais pesados realizadas desde a explotación mineira", tal e como sinala Ecoloxistas en Acción. A Fiscalía tamén demanda a imposición de multas por valor 47.000 euros, "ao entender que a póliza de seguros da mina só cubre a responsabilidade civil por contaminación súbita e accidental e non por actividades ilegais".


A solicitude da Fiscalía prodúcese logo de seis anos de instrucción por parte do Xulgado de Arzúa e como paso previo á apertura de xuízo oral. Ao longo da investigación, iniciada tras unha denuncia da organización ecoloxista polas verteduras da mina ao río Barral, tributario indirecto do río Ulla, acumuláronse as probas contra a mineira de Touro, incluíndo numerosos informes e atestados da policía xudicial e dicatames periciais. Isto levou á Fiscalía a concluír que "os acusados non tomaron ningunha medida correctora que evitara os lixiviados de extrema acidez e altos contidos en metais pesados".

Fonte: Ecoloxistas en Acción.
Fonte: Ecoloxistas en Acción.

Desde Ecoloxistas en Acción, personada na causa penal como acusación popular ambiental, denuncian "que a contaminación desde a mina de Touro é continua, sen que as numerosas sancións impostas desde Augas de Galicia, sempre de cuantías mínimas, tiveran efecto algún. A solicitude de penas de cárcere por parte da Fiscalía evidencia a gravidade e intencionalidade da contaminación causada pola mineria e dá unha idea da catástrofe ambiental que suporía confiar a unha empresa con estes antecedentes un novo proxecto de magnitudes xigantescas”, afirma Cristóbal López, voceiro de Ecoloxistas en Acción.


Pola súa parte, a Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non solicitará á Xunta que retire a condición de “proxecto industrial estratéxico” á mina de Touro, distinción concedida a comezos do ano pasado que permite unha tramitación acelerada, e que arquive o procedemento de aprobación do novo proxecto, ao constatarse a incapacidade técnica e neglixencia da empresa promotora. De feito, Ecoloxistas en Acción xa recorreu ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza esta decisión de proxecto estratéxico da Xunta.


Publicidade

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

“Non é posible confiar o futuro de todo o sistema fluvial do Ulla, da ría de Arousa, do Camiño de Santiago e dunha comarca recoñecida internacionalmente polos seus produtos agrogandeiros de alta calidade nunha empresa á que está a piques de abrírselle xuízo por delitos ambientais e en directivos para os que a Fiscalía pide penas de cárcere”, advirte Isabel García, voceira da plataforma veciñal Mina Touro-O Pino Non. 


Ecoloxistas en Acción e a Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non esperamos que “a Xunta rectifique e atenda aos milleiros de alegacións e informes técnicos presentados en xaneiro deste ano e que mostran que a reapertura da mina sería un desastre ecolóxico”.



Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page