Explicou todo o relativo ás subvencións para a adquisición de maquinaria en común con máis de 4 millóns de euros
Laura Moure/Rodeiro
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, lembrou este mércores que o prazo de solicitude das axudas da Xunta para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en común estará aberto ata o vindeiro día 19 de xullo. Foi durante unha visita á cooperativa O Rodo, en Rodeiro, que foi beneficiaria destas subvencións noutras convocatorias e na que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, así como polo director territorial da Consellería na provincia, Antonio Crespo.
Publicidade
A titular de Medio Rural explicou que a convocatoria destas achegas publicouse recentemente no Diario Oficial de Galicia, concretamente o pasado día 19 deste mes de
xuño, e que están dotadas con máis de 4 millóns de euros. Os seus obxectivos
fundamentais son promover o uso da maquinaria en réxime asociativo e fomentar a
introdución de novas tecnoloxías no seu emprego. Tamén se persegue con elas
racionalizar os mecanismos de seguranza no traballo, reducir as emisións contaminantes e
promover o aforro enerxético, na procura dunha mellora de calidade de vida no medio
rural.
Publicidade
Estas subvencións van dirixidas a cooperativas e sociedades agrarias de transformación
(SAT), que poderán financiar todo tipo de maquinaria de uso común, sempre que supoñan
unha redución de custos de produción ou incrementen a súa produtividade. Tamén se
consideran financiables os estudos técnico-económicos de viabilidade da operación.
Ademais, estas axudas compleméntanse, tal e como destacou a conselleira, coas
destinadas ás instalacións e equipamentos en común, tamén dirixidas a cooperativas
como esta de O Rodo.
Publicidade
Case 40 anos
Nesta visita, a conselleira puxo en valor a traxectoria de case 40 anos da cooperativa O
Rodo, referente na comarca de Deza, así como a súa decidida aposta pola xestión
eficiente dos recursos e pola innovación. Así, quixo recoñecer o labor dos gandeiros
asociados na prestación de servizos de todo tipo, como o de tenda agraria, de substitución
nas explotacións, de calidade do leite, de reprodución e, máis especificamente, de
dotación de maquinaria.
Comments