Participaron na iniciativa Sementando a igualdade, promovida pola ANPA Paxariñas, deseñada e implementada por SororAs.gal e financiada pola Consellería de Política Social e Igualdade
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, participou onte nun coloquio cos alumnos do CEIP Cerdeiriñas de Piloño de Vila de Cruces sobre a igualdade de xénero entre mulleres e homes. Así, destacou a importancia de realizar este tipo de actividades tamén nos centros educativos do rural para implicar aos máis pequenos nesta materia.
Este faladoiro é unha das actividades do proxecto Sementando Igualdade da Anpa Paxariñas e no que ademais da directora xeral participaron entidades culturais da zona como a Banda Artística de Merza e a asociación Vello dos Cornos. O obxectivo deste encontro é trasladarlle á comunidade educativa o papel da muller en diferentes ámbitos como a música ou o entroido tradicional.

O proxecto Sementando Igualdade da asociación de nais e pais deste centro é unha das iniciativas beneficiadas polas dúas liñas de axudas que a Xunta puxo en marcha para a promoción da igualdade e loita contra a violencia de xénero no seo da comunidade educativa. Neste senso, a directora xeral lembrou que estas achegas de preto dun millón de euros abranguen un total de 185 centros de toda Galicia.
O obxectivo destas actividades é fomentar a igualdade real e efectiva no seo da comunidade educativa e das familias. Estas accións pretenden reforzar a sensibilización e prevención neste eido, poñendo o foco nos máis pequenos e a súa contorna. Ademais, a directora xeral sinalou que é especialmente importante que estas iniciativas se desenvolvan tamén nos municipios máis rurais.
Publicidade
María Quintiana tamén sinalou que a promoción da igualdade é especialmente importante entre as xeracións moi novas porque son a base para acadar unha sociedade libre de violencia contra as mulleres, por iso agradeceu o labor que desenvolven as asociacións de pais e nais dos centros educativos neste eido. Así mesmo, a directora xeral lembrou que a Xunta de Galicia traballa cada día para que a nosa comunidade sexa un referente nesta materia.
"As asociacións culturais Vello dos Cornos con Andrea e a Banda Artística de Merza con Lina, achegaron ás crianzas á súa historia e puxeron en valor as mulleres que abriron camiño para que agora as mulleres estén presentes no Entroido e no mundo bandístico respectivamente. Á xornada acudiu María Quintiana, quen valorou moi positivamente o traballo desenvolto pola ANPA Paxariñas e o CEIP Plurilingüe de Piloño e o labor de SororAs.gal en en materia de igualdade", destacan dende a ANPA Paxariñas.
NOTICIA RELACIONADA:
O CEIP Cerdeiriñas de Piloño sementa a Igualdade!: https://www.ecosdacomarca.com/post/o-ceip-cerdeiri%C3%B1as-de-pilo%C3%B1o-sementa-a-igualdade
Kommentarer