O mosteiro de Carboeiro contará con entrada libre este domingo, no Día dos Museos
- Laura Moure
- hace 8 minutos
- 2 Min. de lectura
O edificio estará pechado o sábado con motivo da celebración do Rallisprint
Laura Moure/Silleda
O mosteiro de Carboeiro de Silleda contará con xornada de portas abertas o vindeiro domingo día 18, coincidindo co Día Internacional dos Museos. A ordenanza que regula as taxas de acceso ao edificio patrimonial recolle que non se cobrará entrada nesta xornada así coma o 25 de xullo, Día de Galicia, e o 10 de agosto, festividade de San Lourenzo, a quen está adicado o templo. Así mesmo, este sábado día 17, o histórico edificio non estará aberto ao público xa que os accesos estarán pechados con motivo da celebración do II Rallisprint.

O horario de visita ao mosteiro a día de hoxe é de 11:00 a 14:30 e de 16:30 a 19:00 horas. En canto se incorpore a nova persoa que se contratará como guía turístico a través da subvención da Deputación de Pontevedra (para atención do Punto de Información da Rede Info Rías Baixas), aplicarase o horario de verán con apertura ata máis tarde.
Publicidade
Máis de 1.100 visitas en abril
O Mosteiro de Carboeiro recibiu un total de 1.164 visitas durante o pasado mes de abril. O perfil turístico deste mes foi creado por unha maioría de mulleres de entre 35 e 65 anos que se achegaron no seu vehículo particular e coa familia ata o antigo cenobio. Aínda que tamén debemos ter en conta que houbo unha pequena porcentaxe (6%) de visitas que chegou a pé, pois decidiron facer o Sendeiro do Deza que comunica a Fervenza da Toxa co Mosteiro.
No tocante á orixe, a procedencia das visitas foi moi variada, como soe ser habitual. A porcentaxe máis alta foi a de persoas galegas (77%), as cales pertencían na súa maioría ás provincias de A Coruña e Pontevedra, e máis concretamente á cidade de Santiago de Compostela (159 pax). Por outro lado, as visitas procedentes de España (non galegas) foron 162 persoas, sendo maioría da Comunidade de Madrid. Finalmente, do extranxeiro achegáronse 68 persoas procedentes de lugares como Portugal, Venezuela, Alemania, Eslovaquia, Hungría, USA ou Francia, entre outros.
Commentaires