top of page

A ANPA Xulio denuncia a falta dun menú escolar digno no CPI de Rodeiro e esixe solucións inmediatas

hace 12 minutos
3 min de lectura

A asociación considera inadmisible que o alumnado teña que substituír o menú escolar por bocadillos e empanada pola falta de persoal de cociña


Ecos da Comarca/Rodeiro

Desde a ANPA Xulio queren manifestar publicamente o seu malestar e indignación ante a situación comunicada pola dirección do colexio de Rodeiro, segundo a cal os vindeiros días 19 e 20 de novembro o alumnado do CPI non poderá dispoñer do menú escolar habitual por falta de persoal suficiente na cociña. En concreto, o menú será substituído por bocadillos o día 19 e empanada o día 20.

Foto de arquivo de un grupo de cativos comendo.
Foto de arquivo de un grupo de cativos comendo.

"Consideramos que esta situación é inadmisible. Estamos a falar da alimentación dos nosos nenos e nenas, que pasan unha media de oito horas diarias fóra da casa e para os que o comedor escolar representa unha parte fundamental da súa alimentación diaria. Non se pode considerar unha solución aceptable substituír un menú equilibrado por comida improvisada debido a problemas de organización e cobertura de persoal", lamenta.


Segundo a información trasladada pola dirección, o problema deriva da toma de posesión das auxiliares de cociña nos seus novos destinos, sen que ningunha persoa obtivese praza definitiva neste centro. Como consecuencia, o comedor queda sen persoal suficiente á espera de que a Administración proporcione substitucións.

 PUBLICIDADE

Desde a Anpa entenden "que estas situacións son perfectamente previsibles e que a Xunta de Galicia debe anticiparse a elas. Por iso, reclamamos que as prazas e vacantes de persoal dos comedores escolares se cubran con antelación, tamén durante os períodos de vacacións, evitando que o alumnado sufra as consecuencias dos movementos administrativos ou da falta de planificación".


Non é a primeira vez, apunta, que as familias padecen problemas derivados da falta de cobertura de persoal nos centros educativos. "Tamén se producen situacións nas que o alumnado permanece máis de dúas semanas sen profesor ou profesora titular, á espera dunha substitución. Son problemas diferentes, pero cunha mesma consecuencia: os nenos e nenas acaban pagando as deficiencias na xestión dos recursos humanos da Administración educativa".


A situación chegou ata o punto de que varias familias xa manifestaron a súa intención de non enviar os seus fillos e fillas ao centro ou ao servizo de comedor durante estes días. Isto supón, ademais, un importante problema de conciliación familiar e laboral para uns pais e nais que necesitan contar cun servizo escolar que funcione con normalidade.


Desde a ANPA XULIO esixen:

1. Unha solución inmediata que garanta que o alumnado dispoña dun menú escolar completo, equilibrado e adecuado ás súas necesidades nutricionais.

2. A cobertura urxente das vacantes de persoal de cociña, evitando que estas situacións volvan repetirse por falta de previsión.

3. Que non se cobre ás familias o prezo do menú escolar durante os días nos que non se preste o servizo de alimentación nas condicións habituais.

4. Que, se non é posible restablecer de inmediato o funcionamento da cociña, se habilite un servizo de catering que garanta unha alimentación adecuada para todos os usuarios do comedor.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

"Non podemos aceptar que, con estas temperaturas e nestas datas, os nosos nenos e nenas teñan que conformarse cun bocadillo ou un anaco de empanada porque a Administración non foi quen de garantir o persoal necesario para o funcionamento dun servizo esencial. A responsabilidade de garantir o correcto funcionamento dos comedores escolares corresponde á Administración educativa. As familias cumprimos coas nosas obrigas e pagamos por un servizo que debe prestarse nas condicións adecuadas. A alimentación dos nosos fillos e fillas non pode quedar condicionada pola falta de previsión da Xunta de Galicia", recalca o colectivo de pais e nais.


Desde a ANPA Xulio unha resposta e unha solución inmediata. "Porque o comedor escolar non é un servizo secundario: é unha parte fundamental do benestar, da educación e da conciliación das familias".

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
32941502-7315-4b45-bdb2-1e2337015ba2.jfif

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page