top of page

A 51ª Asemblea Xeral de ADEGA esixe o peche definitivo de Altri e da mina de Touro

Reclama a moratoria inmediata para autorizacións de novas explotacións gandeiras naquelas comarcas, como A Limia ou o Deza, que teñan superado a carga gandeira


Ecos da Comarca/Xeral

A organización ecoloxista Adega celebrou este sábado, 28 de marzo, a súa 51ª Asemblea Xeral ordinaria na Casa das Asociacións de Cornes, en Santiago de Compostela, onde, ademais, se poderá visitar a mostra dos 50 anos de Adega ata o vindeiro 7 de abril. Neste encontro anual de persoas socias, fíxose balance do traballo desenvolvido ao longo do pasado ano e puxéronse en común as liñas de acción da organización neste 2026. A defensa do Ulla fronte á celulosa de Altri e a mina de Touro mantense como un dos eixos do traballo da asociación. 

Adega seguirá participando da campaña conxunta con outras entidades para acadar o arquivo definitivo de todos os expedientes abertos asociados á celulosa (autorización ambiental integrada (AAI) e concesión de augas) e á mina de Touro-O Pino; ademais de dar continuidade aos recursos contencioso-administrativos iniciados contra o proxecto de Altri. Ao tempo, demandará unha planificación da actividade extractiva e un modelo de minaría socialmente xusto e compatible coa conservación ambiental. 


En materia eólica, Adega sosterá a súa campaña fronte á eólica mariña en colaboración coa Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) e o sector do mar. Seguirá avaliando o impacto dos proxectos de competencia estatal e manterá o pulso xurídico fronte á patronal eólica e a Xunta. No eido da conservación, Adega destaca o apoio á Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) de Áreas de Restauración Ecolóxica e o impulso da campaña de sinaturas #AlertaSalmónGalego pola inclusión desta especie no CGEA como "en perigo de extinción". 

 PUBLICIDADE


A organización ecoloxista tamén centrará os seus esforzos en promover unha moratoria do eucalipto indefinida e sen excepcións e en impulsar unha campaña de divulgación e denuncia masiva de plantacións de eucalipto, cortas de autóctonas ou cambios de uso ilegais. Dará continuidade ao voluntariado galego en defensa do monte trala vaga de lumes do pasado verán. Así mesmo, Adega acorda traballar na colaboración con entidades locais para fomentar a compostaxe e a redución de Residuos Sólidos Urbanos (RSU), e continuará promovendo os valores da mobilidade sostible.


Dimisión da conselleira Ánxeles Vázquez

Así mesmo, as persoas socias presentes na asemblea aprobaron un total de cinco propostas de resolución. A primeira delas tamén está relacionada coa demanda da fin definitiva da celulosa de Altri e da mina de Touro. Neste sentido, a asemblea insta a sociedade galega a permanecer alerta e manter a presión fronte a un eventual peche en falso do proxecto, así como a seguir demandando o rexeitamento definitivo do proxecto mineiro de Touro, aínda pendente de resolución.Tamén esixe a dimisión da conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, "en tanto que máxima responsábel da retirada ilegal e sen xustificación da protección do territorio pretendido por Altri na Estratexia de Infraestrutura Verde de Galiza". "Tanto o pronunciamento xudicial a respecto deste asunto coma a desestimación da solicitude da Xunta para autorizar as batidas de lobos evidencian o desprezo da conselleira pola lexislación ambiental".


A terceira proposta de resolución ten a ver coa vaga de lumes máis catastrófica da historia de Galicia, na que arderon máis de 209.000 hectáreas, 38.000 delas en espazos protexidos. A organización ecoloxista denuncia "a inacción, o desleixo e o vergoñento entreguismo de Rueda ao lobby pasteiro-enerxético e esixe unha urxente e profunda mudanza de modelo, que aposte pola multifuncionalidade do monte e protexa as súas funcións ecosistémicas e sociais".


En seguinte lugar, Adega esixe á Xunta que cumpra a normativa europea e estatal e declare sen máis demora as zonas vulnerábeis a nitratos para previr e reducir a contaminación causada pola gandería industrial. Reclama a moratoria inmediata para autorizacións de novas explotacións gandeiras naquelas comarcas, como A Limia ou o Deza, que teñan superado a carga gandeira, así como daquelas que non acrediten dispor de terra dabondo para xestionar adecuadamente os xurros. Apela á planificación previa e con participación social das condicións nas que instalar plantas de biogás como fonte de enerxía renovábel.


Estes asuntos foron especificamente abordados a través dunha serie de palestras e debate ao longo da asemblea baixo o título de "Contaminación por nitratos, plantas de biogás e macrogranxas".Por último, a asemblea de Adega tamén referendou a súa defensa da paz. Rexeita profundamente a escalada bélica promovida polo imperialismo estadounidense e o Estado xenocida de Israel, así como a pasividade coa que a UE está a reaccionar; e reclama á Xunta e ao Estado español que rachen relacións con EEUU e con todos os estados xenocidas.

 Publicidade

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

Agradecemento ás persoas convidadas

ADEGA agradece a presenza de representantes de organizacións sindicais, políticas e sociais que quixeron acompañar á organización nesta cita anual. En concreto, acudiu o coordinador xeral da CIG, Paulo Carril; os membros da executiva nacional do BNG, Olaia Ledo e Bieito Lobeira; o coordinador xeral da FRUGA, Manuel da Cal; o secretario técnico de organización do Sindicato Labrego Galego, Diego Sánchez; a representante de Erguer, María Maroño; Marcos Sueiro por Galiza Nova; e Luciano Villar, de Conxo Aberto. Adega tamén agradece a asistencia do concelleiro de Desenvolvemento Sostible do Concello de Santiago, Xesús Domínguez, así como do xefe de departamento de emprego, Xabier Ferreiro, e da técnica Lucía Bañobre.


Paseo polo bosque do Banquete de Conxo

Tralo xantar de confraternización, as persoas socias de Adega rematarán a xornada cun paseo polo bosque do Banquete de Conxo, no que se achegarán aos valores culturais, ambientais e patrimoniais do bosque e ás ameazas que sofre. Tamén poderán coñecer de primeira man os programas de restauración ambiental que se están a levar a cabo por parte do Concello de Santiago e doutras entidades.


Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page