4.300 persoas beneficiarias a través de 40 proxectos: así reparte Cogami os fondos do 0,7% do IRPF
- ecosdacomarca

- hace 1 día
- 5 min de lectura
Ecos da Comarca/Xeral
A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), xunto a máis de 30 entidades membro, desenvolven un total de 40 proxectos posibles cos fondos procedentes da asignación tributaria do 0,7% do IRPF a través do recadro 106 de programas de interese xeral para fins de carácter social na declaración da renda, fondos que reparte a Xunta de Galicia.
Destes 40 proxectos, 11 corresponden a programas de atención directa (Liñas I, II, III e VI), mentres que os 29 restantes (Liña IV) están destinados a investimento e obra en centros e instalacións de toda Galicia.
Atención a máis de 4.300 persoas
Os programas benefician a máis de 4.339 persoas en toda a comunidade, beneficiando os de atención directa a 1.842 e os de investimento e obra a 2.497. Os programas de atención directa abranguen áreas moi diversas: apoio e intervención con familias en situación de especial vulnerabilidade; itinerarios de inclusión sociolaboral; atención físico-rehabilitadora e psicolóxica para persoas con enfermidades crónicas e dexenerativas; atención temperá; transporte adaptado; atención social. asesoramento e intervención especializada; atención integral; promoción da autonomía persoal e actividades de lecer, cultura e deporte inclusivo, entre outros.

Estes foron os programas de atención directa desenvolvidos:
- Apoio e intervención con familias e contornas afectivas de persoas con discapacidade en situación de especial vulnerabilidade: centros de atención diúrna de COGAMI en Medelo (Silleda) e Lugo. 40 participantes.
- Itinerarios de inclusión sociolaboral e acompañamento na transición ao emprego: levado a cabo por ACADAR e COGAMI nos concellos de Santiago, Ourense, O Carballiño, Silleda e Lugo. 121 participantes.
- Atención físico-rehabilitadora, psicolóxica, social e cognitiva para persoas con enfermidades crónicas e dexenerativas (fibrose quística, párkinson, fibromialxia, fatigacrónica): desenvolvido nas entidades GRUMICO, AFFOU, Párkinson Galicia-Coruña, Fibrose Quística e nos centros de COGAMI. 129 participantes.
- Atención temperá a nenas e nenos con discapacidade ou risco e ás súas familias: servizo que ofrecen as entidades VONTADE, MISELA e COGAMI en Tomiño, Noia e Muros. 30 participantes.
- Atención social, asesoramento e intervención especializada por patoloxía (esclerose múltiple, linfedema, trastornos músculo esqueléticos): ALUCEM, ACEM Coruña, AGL, ASOTRAME, ACEM Santiago e COGAMI nas localidades de A Coruña, Ferrol, Santiago e Lugo. 158 participantes.
PUBLICIDADE
- Atención social e asesoramento especializado a persoas con enfermidade renal, doenza inflamatoria intestinal e outras patoloxías crónicas: AlCER Ourense, ALCER Pontevedra, ACCU Ourense, ALCER Coruña e COGAMI en Ourense, Pontevedra, A Coruña e Mos. 360 participantes.
- Atención integral e multidisciplinar de proximidade para persoas con discapacidade: AMIZADE, AVEMPO e COGAMI en Vigo, Silleda e Santiago. 248 participantes.
- Transporte adaptado para o acceso a servizos, terapias e actividades nos centros de atención diúrna de COGAMI: 98 participantes.
- Promoción da autonomía persoal e prevención do deterioro funcional en persoas con enfermidades neuromusculares, artrite e outras patoloxías das entidades ASEM Galicia, ASEARPO, ConArtritis e COGAMI: 338 participantes de Vigo, Santiago, Lugo e Silleda.
- Actividades de lecer, cultura e deporte inclusivo para persoas con discapacidade desenvolvidas por COGAMI, ASEM Galicia e ÁMBAR. 200 participantes.
- Empoderamento e apoio a mulleres e persoas LGTBI con discapacidade fronte á discriminación múltiple. Desenvolvido por ACADAR e COGAMI en Santiago, Ourense, Xinzo de Limia, A Estrada e Vigo. Participa 120 persoas.
Programas de mellora de infraestruturas
Pola súa banda, a Liña IV financia 29 proxectos de investimento e obra que suman preto de 2.500 persoas beneficiarias, e que inclúen dende a mellora da eficiencia enerxética e instalación de sistemas de aerotermia e placas fotovoltaicas en varios centros, ata a renovación de equipamento informático, a adquisición de vehículos de transporte adaptado, obras de reforma e adecuación de sedes, ademais da mellora de aulas e talleres.
Entre estes proxectos destacan actuacións nos centros de atención diúrna que COGAMI ten en Fingoi (Lugo), Ferrol, Mos e Medelo (Silleda) de mellora de eficiencia enerxética, renovación de equipamentos, adquisición de mobiliario para talleres dos centros); ACADAR (renovación e mellora dos recursos dixitais para a atención); ACEM-Santiago (obras de reparación e reforma da sede onde se prestan terapias e talleres); ADAPTA (compra dun vehículo adaptado para o centro de Ponteareas); ADISBISMUR (equipamento de aulas e talleres do centro de Valadares); AGORA (obras de mellora no centro de día e nas vivendas tuteladas de Monforte, renovación de equipamento e talleres e compra dun vehículo de transporte adaptado); AMARAI (mellora dos medios informáticos do persoal técnico); ÁMBAR (obras de adecuación e mellora do centro de formación); AODEMPER (adecuación dun novo local/sede para ampliar terapias e servizos a persoas con esclerose múltiple, párkinson e enfermidades raras); ASPAMITE (illamento térmico exterior do edificio para eficiencia enerxética); AVEMPO (material para o programa de terapia ocupacional); ÍNTEGRO (ampliación das instalacións do centro que ten en Nantón); Párkinson Ferrol (adquisición de equipamento para rehabilitación); Párkinson Galicia Coruña (recursos e apoios técnicos para a atención centrada na persoa); A Mariña-COGAMI (substitución da caldeira de gasóleo por aerotermia e instalación fotovoltaica de autoconsumo no centro de Palmeiro) e VONTADE (mellora da eficiencia enerxética do centro).
PUBLICIDADE
Un traballo en rede que multiplica o impacto social
En total, todos os programas que desenvolven as entidades participantes nesta convocatoria teñen un impacto que beneficia a 4.300 persoas con discapacidade. Esta convocatoria constitúe unha ferramenta clave para o sostemento e a mellora continua dos servizos que as entidades prestan ás persoas con discapacidade e ás súas familias, reforzando tanto a atención especializada como as infraestruturas e os recursos técnicos necesarios para garantir unha atención de calidade e centrada na persoa.
Entidades beneficiarias dos fondos IRPF
Autonómicas (5): Asociación Galega de Fibrose Quística (AGFQ), Asociación Galega de Linfedema, Lipedema e Insuficiencia Venosa Crónica e outras patoloxías vasculares periféricas (AGL), Asociación Transplantados de Medula Ósea (ASOTRAME), Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR), Asociación Galega contra as Enfermidades Neuromusculares (ASEM Galicia).
PUBLICIDADE
A Coruña (13): Párkinson Galicia-Coruña, Asociación Coruñesa de Esclerose Múltiple (ACEM Coruña), Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple (ACEM Santiago), Asociación para a Loita Contra as Enfermidades do Ril da Coruña (ALCER Coruña), Asociación Ambar das Persoas con Diversidade Funcional (ÁMBAR), Asociación de Discapacitados da Bisbarra de Muros (ADISBISMUR), Asociación de Persoas con Discapacidade de Arzúa e Terra de Melide (AMARAI), Asociación de Pais de Persoas con Diversidade Funcional de Teo (ASPAMITE), Asociación das persoas con Diversidade Funcional da Costa da Morte (ÍNTEGRO), Párkinson Ferrol, Grupo de Persoas con Discapacidade de A Coruña (GRUMICO), Asociación de Persoas con Discapacidade da Comarca de Noia e Muros (Misela), ConArtritis Santiago.
Lugo (3): Asociación de Persoas con Discapacidade de Monforte de Lemos (AGORA), A Mariña COGAMI, Asociación Lucense de Escleroe Múltiple (ALUCEM)
Ourense (4): Asociación para a loita contra as enfermidades renais de Ourense (ALCER Ourense), Asociación de Crohn e Colite Ulcerosa de Ourense (ACCU Ourense), Asociación Ourensá de Esclerose Múltiple, Párkinson e Enfermidades Raras (AODEMPER), Asociación de Fibromialxia e Fatiga Crónica de Ourense (AFFOU).
Pontevedra (6): Asociación para a Loita Contra as Enfermidades do Ril (ALCER Pontevedra), Asociación de Persoas con Discapacidade das Comarcas do Condado e Paradanta (ADAPTA), Asociación Viguesa de Esclerose Múltiple de Pontevedra (AVEMPO), Asociación de Persoas con Discapacidade VONTADE, Asociación de Persoas con Discapacidade da Comarca de Pontevedra (AMIZADE), Asociación de Enfermos de Artrite de Pontevedra (ASEARPO).









Comentarios