“15 anos, 15 historias”: Amarai achega aos 12 concellos dos seus usuarios as súas vidas
A exposición poderá verse en Boimorto, Arzúa, Melide, Santiso, Sobrado dos Monxes, Vilasantar, Curtis, Mesía, Frades, O Pino, Touro e Vila de Cruces
Laura Moure/Boimorto
O Centro de Recursos da Asociación Amarai inaugurou a exposición “15 anos, 15 historias”, unha iniciativa enmarcada na programación do 15 aniversario do Centro de Recursos da Asociación Amarai, que abriu as súas portas no ano 2011.

A exposición nace co obxectivo de dar visibilidade á diversidade de realidades e experiencias vitais das persoas con discapacidade, ao tempo que busca achegar á
sociedade as historias persoais dos homes e mulleres que forman parte do centro.
A mostra está composta por 15 paneis expositivos, cada un deles dedicado á historia de vida dun usuario ou usuaria do Centro de Recursos. A través de textos e fotografías, os paneis permiten coñecer diferentes percorridos vitais, experiencias, intereses e momentos importantes das persoas protagonistas.
PUBLICIDADE
Un dos obxectivos principais da iniciativa é tamén achegar estas historias aos veciños e veciñas dos diferentes concellos representados no Centro de Recursos, favorecendo o coñecemento mutuo e contribuíndo a romper estereotipos e prexuízos arredor da discapacidade.
“15 anos, 15 historias” pretende ser, polo tanto, moito máis ca unha exposición conmemorativa. É unha oportunidade para poñer o foco nas persoas, nas súas vidas e no que as fai únicas, mostrando que detrás dunha discapacidade existe sempre unha historia, unha personalidade, uns soños, unhas experiencias e unha comunidade da que formar parte.
PUBLICIDADE
Os paneis permanecerán expostos durante tres meses, ofrecendo aos visitantes a posibilidade de achegarse, con calma, ás historias dos seus protagonistas.
Desde a Asociación Amarai destacan o valor desta iniciativa dentro da celebración do seu 15 aniversario, xa que permite mirar cara atrás e poñer en valor as persoas que, ao longo destes anos, deron sentido ao traballo desenvolvido desde o Centro de Recursos. Quince vidas diferentes que nos lembran que coñecer outras realidades tamén é unha forma de construír unha sociedade máis inclusiva.
PUBLICIDADE
A Asociación Amarai (Asociación de Persoas con Discapacidade e apoio á integración das comarcas de Arzúa e Terra de Melide) anima á veciñanza dos diferentes concellos da contorna a visitar a exposición e descubrir as historias que forman parte destes 15 anos de
camiño compartido.
Os concellos nos que poderemos atopar estes paneis son: Boimorto, Arzúa, Melide, Santiso, Sobrado dos Monxes, Vilasantar, Curtis, Mesía, Frades, O Pino, Touro e Vila de Cruces.
NOTICIA RELACIONADA:
Amarai celebra os seus 15 anos con 15 historias no Festival de la Luz en Boimorto: https://www.ecosdacomarca.com/post/amarai-celebra-os-seus-15-anos-con-15-historias-no-festival-de-la-luz-en-boimorto










Comentarios