top of page

Amarai celebra os seus 15 anos con 15 historias no Festival de la Luz en Boimorto

Conmemora o seu décimo quinto aniversario cunha exposición protagonizada por quince das persoas usuarias do centro, que poderá visitarse nesta cita


Laura Moure/Boimoto

Este ano Boimorto celebra dúas datas moi especiais: o 15º aniversario do Centro de Recursos Amarai e a 15ª edición do Festival de la Luz. Dúas celebracións que comparten, ademais, un importante vínculo: o compromiso coa inclusión e coa defensa dos dereitos das persoas con discapacidade. Para conmemorar estes quince anos de traxectoria, dende Amarai quixeron facer unha homenaxe ás verdadeiras protagonistas desta historia: as persoas usuarias do centro.

Así nace “15 anos, 15 historias”, unha exposición que recolle as vivencias de quince persoas usuarias de Amarai e que poderá visitarse durante o Festival de la Luz, que se celebra dende onte ata mañá, domingo 30 de agosto.


A través destas quince historias, a exposición pretende achegar ao público diferentes realidades, experiencias e formas de vivir a discapacidade, pero tamén poñer en valor as capacidades, os soños, os logros e os proxectos vitais de cada unha das persoas que forman ou formaron parte de Amarai ao longo destes anos.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

“Quince anos dan para moitas historias. Historias de superación, de aprendizaxe, de amizades, de cambios, de ilusións e, sobre todo, de persoas”, destacan dende Amarai. Por iso, nesta ocasión quixeron que o aniversario non fose simplemente unha celebración da propia entidade, senón unha oportunidade para dar visibilidade ás persoas que lle dan sentido día tras día.


A elección do Festival de la Luz como escenario para esta exposición tampouco é casual. O festival, que este celebra igualmente a súa 15ª edición, mantén desde os seus inicios un marcado carácter solidario e, concretamente este ano, destina os fondos recadados a COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade), organización da que Amarai forma parte como entidade membro.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

Deste xeito, as dúas celebracións atopan neste aniversario compartido un punto de unión: 15 anos de Amarai e 15 edicións dun festival que aposta pola música, a cultura e a solidariedade, unidos a través de 15 historias de vida.


A exposición pretende ser tamén un convite a coñecer Amarai dende dentro e a descubrir que detrás de cada persoa hai unha historia única, con experiencias, dificultades, capacidades e soños propios. “15 anos, 15 historias” poderá visitarse durante a celebración do Festival de la Luz en Boimorto achegando ao público unha mirada próxima e persoal sobre as persoas que forman parte de Amarai e sobre os quince anos de camiño compartido da entidade.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page