Ánxeles Vázquez salienta a depuración por lagunaxe nunha visita a Huttopia Caminos de Santiago, en Lalín
- ecosdacomarca
- hace 39 minutos
- 2 min de lectura
Sinala que este modelo podería cubrir as necesidades de moitos núcleos de poboación rurais na medida en que ofrece unha depuración máis eficaz con baixos custos de explotación, cun consumo enerxético reducido e cun mantemento simplificado
Ecos da Comarca/Lalín
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou onte a depuración por lagunaxe como un sistema de tratamento de augas “eficiente e sostible” para dar solucións ás necesidades específicas de Galicia neste eido. Durante a visita que realizou este martes ao cámping Huttopia Caminos de Santiago, en Lalín, a conselleira puxo en valor a aposta deste establecemento por este modelo, que concorda co compromiso da Xunta de apoiar aos concellos para que presten o mellor servizo posible de saneamento á poboación.

De feito, este sistema baséase na idea de depurar máis e construír menos, ofrecendo unha depuración máis eficaz con baixos custos de explotación, cun consumo enerxético reducido e cun mantemento simplificado. Nesa liña, a conselleira, que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, sinalou que esta solución pode dar resposta ás necesidades de moitos núcleos de poboación rurais da Comunidade.
PUBLICIDADE
En concreto, o sistema consiste en almacenar a auga en estanques impermeables ou balsas pouco profundas, onde bacterias, plantas helófitas e o sol degradan a materia orgánica. Así, ademais do tratamento eficiente e sostible das augas, integra as instalacións na paisaxe, favorecendo a biodiversidade e promovendo un modelo de economía circular
Así, tal e como sinalou Ángeles Vázquez, no caso de que o cámping de Huttopia cesase nalgún momento a súa actividade, o sistema de depuración de augas quedaría integrado na natureza como un humidal. Polo tanto, esta iniciativa encaixa na aposta da Xunta por apoiar investimentos responsables e sostibles, así como por proxectos que promovan a economía circular.
PUBLICIDADE
A maiores, a conselleira enxalzou o compromiso de todos aqueles promotores de proxectos que entenden que o uso e aproveitamento dos recursos naturais en Galicia debe facerse respectando o medio ambiente e conservando os ecosistemas e a biodiversidade. Nese senso, Ángeles Vázquez puxo en valor que para poñer en marcha este cámping en Lalín se uniron, por un lado, Huttopia, que é un referente en turismo sostible e respecto polo medio ambiente, coa empresa galega Ecolagunas, que é punteira no deseño e construción de sistemas de depuración por lagunaxe.




